Escavacións arqueolóxicas nas orixes de Ourense: o solar Pompeo

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 31 ene 2026 - 05:55
Escavacións no solar Pompeo.
Escavacións no solar Pompeo. | La Región

Nas dúas colaboracións anteriores sobre as escavacións arqueolóxicas que están a delimitar a extensión e a cronoloxía do primeiro asentamento romano en Ourense, tratabamos a zona norte, coas intervencións da praza da Madalena e no Museo Arqueolóxico. Hoxe iremos na dirección sur, ao patio do IES Otero Pedrayo, tamén coñecido como solar Pompeo. O curioso nome débese a figura de Pompeyo Beltrán Camús, catedrático de Agricultura e director deste centro educativo entre os anos 1910 e 1913.

Entre os numerosos materiais descubertos destacamos unha fibela -do latín “fibula”- con forma de pavo real e decorada con esmalte de cores.

As escavacións neste enclave foron dirixidas por Celso Rodríguez Cao entre 1996 e 1998, como paso previo á construción do actual polideportivo. Para o tema que agora tratamos, o establecemento do núcleo romano primixenio que a arqueoloxía está a definir na cidade antiga de Ourense, o Pompeo foi esencial porque deu a coñecer un importante grupo de edificacións daquela etapa histórica, ata entón descoñecidas. O achado reviste ademais unha significación especial, porque por primeira vez constatáronse evidencias de ruínas romanas nunha escavación recente e con metodoloxía actual ao sur e fóra da contorna das Burgas, case a 300 m de distancia das fontes termais. Trátase, nas palabras do propio Celso R. Cao, dun gran conxunto urbano con inicio na segunda metade do século I d. C. e ocupado, sen solución de continuidade, ata a baixa romanidade. Aínda que os restos mellor conservados databan dos séculos III e IV d. C., das ultimas etapas da romanización, baixo tales edificacións tardías localizouse, como xa adiantabamos, unha ocupación tamén romana máis antiga, que se remonta ao s. I d. C., como está a ocorrer noutras zonas da cidade. Entre as moedas descubertas durante estas escavacións, a máis antiga é un dupondio de bronce de Domiciano que, como ben saben, foi o derradeiro emperador da dinastía flavia. Non queremos deixar de citar outras moedas máis recentes aquí tamén exhumadas e emitidas nos tempos dos soberanos Adriano, Antonino Pío e Marco Aurelio. Tamén de etapas romanas tardías escavouse un probable espazo aberto, delimitado con columnas e relacionado cun posible “oecus”, unha gran sala ou salón principal da casa romana, habitualmente situada entre o atrio e o peristilo. O nome procede do grego “oikos”, que significa casa, entendida como a unidade básica e familiar da sociedade antiga. Aos momentos tardorromanos tamén pertencería un sistema hidráulico, ademais dunha interesante zona de cociña. Entre os numerosos materiais descubertos destacamos unha fibela -do latín “fibula”- con forma de pavo real e decorada con esmalte de cores. Estudada por A. Veiga, podería ter sido fabricada entre os ss. I e II d. C. Conta con exemplos semellantes no noroeste da Galia, sobre todo no territorio dos belgas. Outro pavo real, pero da etapa tardía -entre os ss. IV e V- aparece representado nun fragmento dun recipiente de vidro xunto cun motivo vexetal e a fachada dun templo con once columnas. Estudado por M. Xusto, pode representar un dos achados máis fiables da presenza do cristianismo no Ourense antigo.

O Pompeo, habitado dende a segunda metade do s. I d. C., ampliou o asentamento romano cara ao sur, afastándose topograficamente -como a Madalena e o Museo Arqueolóxico- das Burgas, case tradicionalmente considerado único foco nativo da cidade. Pero apareceron restos romanos aínda máis ao sur, no Posío. Verémolo outro día.

Contenido patrocinado

stats