Cousas que acontecen en Ourense

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 21 oct 2026 - 01:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Esta cidade das Burgas ten moitas peculiaridades. Eu diría que dentro de Galicia é un lugar xeográfico distinto. Non soamente nos distingue do resto das tres provincias non ter mar, senon máis cousas. Distínguenos que como cidadáns tamén temos usos e costumes que son sinais que nos marcan diante o resto das urbes. E esas sinais tamén se amosan na maneira de pensar e de actuar como colectividade. A que foi nomeada como Atenas de Galicia hai anos, xa non se considera como tal. Perdeu rango e categoría. Estamos na segunda división e baixando.

Tamén sei que referíndome ás reivindicacións e a política, temos marca propia. Somos pouco reivindicativos e incluso tendo a chave do poder autonómico, o partido maioritario non a sabe empregar. Que lle imos facer. Lembro que hai anos, un conselleiro de Industria que era do Ferrol, nunha visita a Ourense lle dixo ós empresarios do Polígono nunha xuntanza: “Presenten algún proxecto interesante para esta provincia”, pois non pedían nada e nada levaban para parar a seca permanente no eido empresarial, e a día de hoxe seguimos igual.

Mirade se somos peculiares que ata temos un alcalde que recoñece que enganou ós membros da oposición aprobando un bono para regalar dez millóns de euros ós cidadáns, e todo coa intención de acadar os votos e desa maneira seguir na poltrona escarallando o concello. E, como a cousa saíulle redonda, volve a tentar enganalos co bono comercio para dilapidar outros dez millón de euros. Cando se vaia, o morto económico que o pague o que veña. Mellor: pagarémolo todos a escote.

Non cabe a menor dúbida de que isto é unha característica desta nosa Auria

Non cabe a menor dúbida de que isto é unha característica desta nosa Auria. Mais o asunto non para co acontecido. Supoño que, se non estamos cegos e vemos a Praza de Abastos restaurada esperado polos inquilinos é que somos un tanto parvos. Pero o máis curioso é que a oposición cansa de pedir que se abra e os praceiros, cómodos onde están, pois vailles ben, e o Concello xa desistiu de tal asunto, e hoxe, por mor de intereses que non saen á luz, pero que maxinamos, os vendedores de viandas seguen ocupando a Alameda e desfacendo o espazo público dos ourensáns. E como o asunto vai para largo, haberá que propor algo para que esa praza restaurada nos estea sen actividade.

Como ao noso alcalde lle gusta moito o tema das festas e o decibelio chocalleiro e festivo, propoño que, mentres non van para ese lugar os praceiros, organice nese recinto bailes de salón e unha cafetería, dado que hoxe non ten divisións e o local coas dúas plantas e a zona externa préstase para tal asunto. Ese pode ser un bo reclamo para súa campaña electoral, e non dilapidar dez millóns de euros públicos.

Nesta urbe, a metade da xente xa esqueceu as súas promesas nas que dicía que ía arranxar todo o que esta mal no Concello en moi pouco tempo, e xa van oito anos e nada diso se cumpriu. Darlle uso provisorio a un edificio que está mirando pode ser unha boa saída. Neste Ourense onde unha parte dos cidadáns están conformes con festas e dádivas, e a parte desconforme xa non reivindica nin esixe, algo haberá que facer. Así que o mellor é bailar para seguirmos enganándonos e, desta maneira, ir tirando. E como a oposición non foi capaz, facendo unha excepción, de poñer a andar cambiando o alcalde no seu momento, agora toca amolarse. Pois ata é posibel que sigamos perdendo categoría institucional e peso político e económico diante as demais cidades galegas.

En fin, dixen que esta cidade e provincia está catalogala como “sitio distinto” con respecto ó resto de Galicia. Non me arrepinto, pois semella que, de non obrar un milagre electoral, a urbe seguirá sendo así.

Contenido patrocinado

stats