Se cumpre; Altri, si

Publicado: 05 abr 2025 - 01:05 Actualizado: 01 oct 2025 - 18:12
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Sempre escoitei, e a experiencia demostroume a súa certeza, que no que atinxe á xeración da opinión pública hai dous tipos de verdades: as evidencias per se e as mentiras repetidas. Asemade, coido que chega con ler algo de historia para saber que hai dúas manobras maquiavélicas de uso universal que conducen á eficacia política; isto é, á consecución dun fin sen importa-los medios. Tais manobras son a promesa do abastamento de pan en tempos de escaseza e a axitación da vara do medo como método de manipulación da sociedade. Verbo da primeira, témo-lo exemplo do panem et circenses do que falaba Juvenal na súa sátira ou ben a Revolución de 1789 na que, ligado a outros factores, a fame e as promesas de abundancia provocaron que París se enchese de regueiros de sangue e cabezas rodando polo chan. No que atinxe á instrumentalización do medo, lembrémo-lo que ocorreu hai cinco anos e como o pánico a un contaxio mortal, alentado por múltiples teorías da conspiración coa conivencia das redes (a)sociais, nos mantivo recluídos baixo a seguridade do fogar. E, como dicía a presentadora, ata aquí podo ler.

Primeiro foi a eucaliptización de Galicia obviando que, hoxe en día, a nosa terra exporta desta madeira máis da tripla do que Altri precisa; despois foi un suposto espolio hídrico

Hoxe, os galegos estamos a vivir unha situación que combina o mecanismo da mentira repetida que arela ser verdade coa axitación da vara do medo, neste caso ambiental. Falo da controversia xerada ó redor da planta que a empresa lusa Altri prevé instalar en Palas de Rei xerando 2.500 postos de traballo, entre directos e indirectos. Trátase dunha biofábrica de fibras téxtiles que producirá lyocell; un tecido 100% biodegradábel, de alta calidade, fundamental no futuro do sector. Asemade, xerará celulosa solúbel para usos industriais, que exportará a outros países. Velaí un bosquexo moi miúdo do proxecto presentado (por que aínda non é máis ca un proxecto) que, despois de pasar polo ditame de 42 técnicos da Xunta de Galicia éticos, libres e independentes, ten a conformidade ambiental para seguir adiante. Por certo, unha proposta baseada na economía circular cuxas características se fixeron públicas dende o inicio; non hai máis que botar unha ollada ás novas publicadas nos anos 2021, 2022 e 2023, ou ben repasa-las iniciativas, aprobadas no Parlamento de Galicia neses mesmos anos, en cuxas exposicións de motivos quedaba moi claro do que se estaba a falar. Quizabes, aqueles eran outros tempos e con citas electorais prometedoras no horizonte.

Pasou o día, pasou a romaría. A partir de febreiro de 2024, tralo fracaso electoral da esquerda galega, as bondades iniciais dunha gran idea, por cuxa materialización no seu concello pelexaban alcaldes do BNG con outros do PSOE, transmutaron na espoleta dunha suposta bomba ambiental colocada no corazón de Galicia. E, de socate, a vara do medo principiou a axitarse e, cos seus movementos violentos no ar, fixo que zoara o vento da manipulación. Primeiro foi a eucaliptización de Galicia obviando que, hoxe en día, a nosa terra exporta desta madeira máis da tripla do que Altri precisa; despois foi un suposto espolio hídrico, sen contar que a captación prevista está moi por baixo do limiar do prohibido. En terceiro lugar, se nos dixo que o Camiño de Santiago deixaría de ser Patrimonio da Humanidade, agochando que ademais dos elementos que minimizarán o impacto ambiental, a distancia ó noso gran recurso turístico é considerábel. E así, unha tras outra.

Non aturo a manipulación nin admito leccións de galeguismo de ninguén e en ningún eido; asemade, tampouco considero que, a estas alturas do conto, eu teña que demostrar nada a ese respecto. Por iso, para que quede ben claro: se cumpre; Altri, si.

Contenido patrocinado

stats