Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Ositos
TRIBUNA
Amagnífica serie documental de Elías León Siminiani sobre a Ciudad de los Muchachos de Benposta inclúe un sorprendente e inesperado achado: trátase da aparición dunha película de Luis Revenga sobre o proxecto do padre Silva. Algo excelente para a historia do cinema ourensán, sen dúbida. Mais esta non foi a única incursión do cineasta toledano na provincia. Entre a súa filmografía figura tamén unha modesta curta titulada “Curros Enríquez, poeta del pueblo”, rodada alá polo 1970.
Como xa acontecera coa obra escrita de Curros, a cinta de Revenga tamén sería obxecto dunha escrupulosa revisión por parte da censura
O plan de rodaxe incluía gravacións en escenarios galegos coma Celanova, Carballiño, A Coruña, Santiago ou Pontevedra; contaba ademais coa colaboración da familia do vate celanovés, segundo proclamaban os seus promotores, e cun poema de Curros “A emigración”, musicado polo cantautor Xoán Rubia.
Porén, como xa acontecera coa obra escrita de Curros, a cinta de Revenga tamén sería obxecto dunha escrupulosa revisión por parte da censura. En primeira instancia, en decembro de 1969 a Comisión de Censura de Guións ordenou suprimir dúas pasaxes clave do filme: o decreto do bispo Cesáreo contra Aires da miña terra e unha referencia sobre o apoio de Curros Enríquez á causa independentista cubana. Os censores vían no documental unha clara “intención nacionalista indirecta al exaltar a un poeta que fue nacionalista” e consideraron que o texto do bispo “está traído con muy mala intención”.
Un dos informes era especialmente contundente: a película tiña “un carácter tendencioso de la ‘más vieja izquierda’, demagógica y anticlerical” e recomendaba rexeitala “para que corrijan esa peligrosa intención que puede tener aún su ‘garra’ dañina entre el público”. A maioría dos informes, que se poden consultar no Arquivo Histórico Nacional, teñen verteduras semellantes. Outro dos censores desprezaba o proxecto por tratarse dunha película sobre un “mediocre poeta romanticón gallego, en razón, no de su poesía, sino de su separatismo o antiespañolismo”, pero non se opón á súa rodaxe e comenta con sorna: “incluso puede salirle el tiro por la culata a su autor, que toma en serio versos en que llama a la locomotora ‘Cristo de los tiempos modernos’”. O máis curioso é que o autor deste informe era un poeta falanxista, que, non obstante, parece ignorar a dimensión poética dos versos de Curros, algo que tamén lle pasara, un século antes, ó bispo Cesáreo.
Protestará con valentía o produtor do filme, o carballinés Ismael González, verdadeira alma mater do proxecto, defendendo que o guión “está sacado de hechos auténticos y representa un poco también, la historia de Espana”, lembrándolle ós censores que o texto “que ustedes prohiben, es un texto auténtico que obra en los archivos (...) y que fue publicado masivamente y dado a conocer en su día, no por nosotros, sino por el propio Obispo” e que a referencia á guerra de Cuba estaba extraída literalmente das Obras Completas de Curros, publicadas por Aguilar.
Unha vez rematada, a curta pasou pola Xunta de Censura e Apreciación de Películas, outro órgano daquel Ministerio de Información e Turismo. As valoracións foron máis do mesmo: “un ejemplo de lo que no debe hacerse”, “no le concedo ningún interés” ou “es demasiado malo este documental” son algunhas das frases que se poden ler nos informes. O máis extremo foi un notorio falanxista que na cualificación da película onde o resto puxera “todos los públicos” escribiu en maiúsculas un lapidario “PROHIBIR”.
Non sei se me engano, pero creo que o filme de Revenga ten a singularidade de que foi o primeiro documental que se fixo sobre a figura de Curros, un pioneiro retrato do poeta celanovés que, coma el, tivo que enfrontar a censura.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último