Jaime Rodríguez Arana
El combate a la corrupción
A primeira vez que vin parir unha vaca, con dezaoito anos, o que máis me chamou a atención non foi o ritual do paridoiro en si, daquela moi distinto a hoxe. Tampouco o propio alumamento do becerro -tamén chamado tenreiro, cuxo, xato, cucho...- O que me produciu esa sensación de repugnancia, tan ben definida na nosa lingua coa palabra “noxo”, foron os colgarexos ensanguentados da bolsa amniótica. Esa expulsión placentaria que, onda nós, dicimos libranzas e libraduras. E que noutras partes de Galicia coñecen como gurrias, espairas, quitas, salvas, secundinas...Iso foi o que me anoxou. Sen chegar a trousar, claro, pero remexéronseme as tripas coa imaxe do animal con todo aquilo fóra. Co que lle abaleaba mentres lambía na cría e meu pai pola corte adiante, cunha galleta de ferro, esperando moi atento, a que se soltase para botalo lonxe., Ai se a marela, nun descoido, chegaba a comer as libranzas!
O símbolo do Amor é sempre un neno, o que xa indica certa irresponsabilidade
Non foi por casualidade, moito menos por ter presenciado un parto bobino nunha granxa actual. O que me trouxo á mentes aquela tensión, aqueles atafegos de noutrora, que podían derivar en alto risco se o xato viña do revés, ou en traxedia, se nacía sen vida, foi unha lectura. Souben así que, para os aztecas, as mulleres que malparían, eran sacrificadas. Considerábanas como ós inimigos capturados. Arrincábanlle o corazón, xusto no intre no que o sol estaba no seu punto máis alto. Era para que aledasen os raios do astro rei na segunda metade da xornada. Postas por depar dos guerreiros asasinados, os cadáveres desas mulleres formaban unha parella dialéctica; evolución-involución. Eran a cara descendente da dualidade, a que vai da luz ás tebras.
Non só entre os aztecas, noutras culturas meso-americanas, as nais que finaban parindo -independentemente de que a criatura sobrevivise ou non- pasaban a seren a parte maligna do sagrado. Atentaban contra a perennidade da vida, da familia, da tribo e do pobo. Aínda así, os seus espíritos volvían á terra para faceren o mal. Aparecíanse nas encrucilladas, sempre no solpor, botándolle ós camiñantes enfermidades terribles como a lepra, a parálise, a demencia.
-Falemos do misterio de nacer, díxenlle a Atheán, do amor da nai, tamén das numerosas xenealoxías de Eros, Cupido para os romanos, -. Resulta que, ultimamente, veño notando ó meu amigo anxo un chisco alicaído. Comparece diante miña en forma celeste, sen molestarse en sorprender coa súa variedade corpórea.. Permanece nun silencio distante, introspectivo, cun punto de melancolía indisimulada. Responde con monosílabos...
Como son moi respectuoso coa súa natureza divina, e como il é moi reservado en cuestións íntimas, limiteime a recitarlle un verso clásico; “... antes de todo foi un caborco inmenso, logo a terra de longos horizontes, apoio e mantenza para os seres vivos, larganza e beleza natural. Así ata que chegou Amor, o máis fermoso e perverso dos deuses inmortais.” Lembreille que Eros actúa de maneira distinta e caprichosa cando é fillo de Afrodita Pandemos que cando se considera retoño de Afrodita Urania. Asume unha natureza dobre. Segundo lle conveña o desexo carnal ou os amores etéreos. O símbolo do Amor é sempre un neno, o que xa indica certa irresponsabilidade. Sabido é que este deus, dada a súa eterna xuventude, non dubida en xogar cos seres humanos, manéxaos ó seu antollo, manipula, tortura, chega a matar. Eros simboliza todo tipo de amor. Psique personifica a ialma.
-Non son de amores as miñas penas, respondeume Atheán, os anxos non temos sexo nin estamos sometidos a forzas irracionais. A nosa emoción está limitada pola conciencia e a fidelidade. Ese é o noso amor.- Asentín e tratei de animalo sen entrar en terreos esvaradíos. A verdade é que, a pesar das nosas múltiples polémicas sobre o divino e o terreal, funlle collendo moito cariño a Atheán. Resulta imposible imaxinar o sufrimento dun anxo. E aínda que pareza algo tópico, recorrente e manido, os anxos teñen como misión velar por nós, iles están para interporse, teñen boa vontade. O que pasa é que moitas veces non chegan a tempo. Estou certo de que logo recuperaremos o Atheán intelixente, divertido e enxeñoso. Un anxo moi humano que foi parido noutrora polas nubes como fillo vástago dos ceos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Jaime Rodríguez Arana
El combate a la corrupción
Chito Rivas
RECUNCHO HEBDOMADARIO
Sesenta anos da piscina de Baños de Molgas
Victoria Lafora
Viaje de ida y vuelta
Carlos Risco
LOS ASUNTOS IMPORTANTES
Sobre escribir cartas
Lo último
FENÓMENOS METEOROLÓGICOS
Los incendios pueden generar sus propios eventos climáticos
La Región
Se veía venir
RENOVACIÓN DAS INFRAESTRUCTURAS
Reparada a cuberta do pabillón do IES de Allariz
CRISIS EN ORIENTE MEDIO
La OPEP+ añadirá 188.000 barriles de petróleo diarios a su oferta en septiembre