O poder das redes sociais

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 12 ago 2026 - 00:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Os avances tecnolóxicos nas comunicacións trouxeron hai anos a globalización das novas que acontecen aquí e alá ou no sin fin deste planeta. Logo, por mor dese avance comunicativo apareceu a globalización da economía. E iso trouxo a chamada deslocalización de empresas. Este fenómeno social dáse cando se globaliza somente a parte económica mentres os dereitos sociais e laborais seguen estancados nos países onde se vai investir. As economías dos distintos países teñen diferencias brutais e xa se sabe, as empresas e corporacións levan no seu adn gañar cartos. Paralelamente a estes avances sinalados foron tomando corpo as chamadas redes sociais. E con elas novas formas, non digo mellores nin peores, de comunicación. Mais todo avance técnico ten cousas positivas, pero tamén chega o que se pode nomear como os efectos colaterais ou cousas negativas derivadas polo mal uso deses avances.

E a día de hoxe, fronte a aquela prensa que era a fonte de novas que, aínda tendo tendencias políticas marcadas e restricións intencionadas, informaba á sociedade do que ía acontecendo, apareceron novas formas de comunicación que, a día de hoxe, teñen un gran poder de convocatoria pra difundir novas, ou se o prefiren de desinformación, que cambiou completamente as regras de xogo no mundo da comunicación. Hoxe as redes nas que andan os chamados Youtubers son un chan aberto a que calquera pode poñer nelas o que lle peta. Polo que todo mudou nese eido. Pois o sentido periodístico de manter certos límites éticos e de veracidade xunto con certos niveis de calidade e de como se ten que comunicar, a día de hoxe, pasou ó esquecemento. Xa non é o máis importante. Mellor, está moi limitado.

Hoxe en día estes novos modos de comunicación anuncian e poñen cousas que, en moitos casos, son chismes ou noticias sen confirmar. Pois o que importa, o que está en xogo, e ter seguidores, aínda que se saiba que se contan medias verdades, ou se poñen trolas. O que interesa é ter seguidores que, ate poden ser medio papanatas, que cren todo o que sae polas pantallas. Pois iso trae dividendos que son cartos para estes apóstolos dun novo tempo.

Na recente invasión de marroquís de Ceuta e as que veñan, as convocatorias maiormente viñeron polas redes sociais. O que non impide que detrás delas ate se agochen intereses da xeopolítica ou intereses de mala veciñanza. Todo é posibel. Pero esas redes son as que debuxan cousas fantásticas, países idílicos, e moven, sobor de todo, a xuventude pra ir na procura dun mundo mellor, cando o que tiña que facer é loitar no seu país polas liberdades e mellorar o nivel de vida dentro del. A mocidade actual, e moitos que non son mozos, dánlle máis creto ó que lle chega por boca desas redes que a análise dun profesional sosegado que expón o seu razoamento nunha nova. Polo que vivimos nun tempo moi complexo onde o poder destas redes, que banaliza o sentido da razón, xoga coas emocións e manexa a realidade segundo lle convén é un feito real.

Estamos en días onde a manipulación das masas é unha realidade. Se a isto lle sumamos que todo é aproveitado polas forzas maiormente da extrema dereita, o resultado é sorprendente. Branqueo de ditaduras e asasinos convertidos en persoas moi boas para a sociedade. Creación de falsos mitos e a promoción de ideoloxías extremas e moi radicais que, con discursos simplistas, propoñen solución milagreiras a problemas moi complexos. Polo que, diante esta situación, as preguntas xorden axiña: estamos diante o mal uso ou estamos a caer na ditadura das redes sociais? Facémoslle máis caso a quen contrasta as novas ou a un charlatán que nos engana? En fin, todo vai chegando, e neste tempo semella que estamos diante o poder incontrolado das redes sociais onde a ética informativa anda moi escasa.

Contenido patrocinado

stats