Un decreto só para min!

Publicado: 01 mar 2025 - 01:00
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

De partida, por suposto, tómoo con humor, aínda que se eu chego ser doutra maneira, seguro que me inchaba e andaba fardando por aí. Porque que che fagan un decreto só para ti, máxime se é do Concello onde naciches, é como se te nomeasen fillo predilecto, delincuente número un, ou algo así. Pero, a verdade, é que tamén se pode tomar con certa preocupación. Cóntollo desde o agradecemento pola porta que abriu o decreto, e vostedes xulguen.

No Concello deberían saber algo que todos os que fixemos arquivística temos claro pero que é, sobre todo, de sentido común: debe haber diferenza de xestión entre un arquivo de xestión administrativa -vivo, de uso habitual interno, de expedientes e obras, contratacións, etc., oficinesco, reservado, etc.- e un arquivo histórico, de conservación e investigación, das cousas que por lei, antigüidade e lóxica pertencen a ese mundo

Visito con frecuencia arquivos. Aí atrás fixen como peza do mes do Museo Arqueolóxico o xornal El Heraldo Gallego (1874-80) e quixen consultar antes o Heraldo Orensano (1920-30) e o Heraldo de Galicia (1930-36) cuxas únicas coleccións completas se encontran no AMOu -Arquivo Municipal de Ourense-, departamento do Concello situado na Cuña, en edificio compartido co Centro Cívico, sen especial recoñecemento institucional, onde conviven vellos documentos históricos e varias coleccións de xornais, xunto con documentación viva de uso diario. Todo atendido por un par de funcionarios moi colaboradores, capitaneados por un implicado encargado.

Ao achegarme, indicáronme que debía enviar a solicitude de consulta por rexistro e que a valorarían os que mandaban e que seguramente non habería problema. Obediente, metín a solicitude o 22 de xaneiro e esperei. Froito dela, desde o Concello enviaron un oficio instando ao encargado a que emitise un informe sobre a pertinencia da autorización, quen, amablemente, con data 31 de xaneiro contestou positivamente “non debe existir inconveniente algún en autorizar o solicitado” e asinaba co seu nome e a indicación de “ludotecario”. Con isto armouse na Praza Maior un expediente no que coas sinaturas dun par de altas funcionarias, o día 3 de febreiro, e logo da enumeración de antecedentes -que eu dicía que quería ver os xornais-, da lexislación aplicable -oito normas, desde a Constitución Española á lei do Patrimonio Cultural de Galicia- e dos fundamentos xurídicos da decisión, aparece a proposta de resolución, con dous puntos: un, que si, que mos podían deixar ver; e dous, que mo debían comunicar. Así, asinado o día 6 de febreiro, chegoume un documento que comeza, “Notifícolle que o concelleiro de Administración Xeral e Loxística ditou o seguinte DECRETO, número 2025000839, de data 5.02.2025. Asunto: Autorización acceso ao arquivo municipal. Expte.: 2025005736” e logo dos antecedentes, di “RESOLVO: Primeiro. Estimar a petición formulada por A.V.-M.F. de acceso ao Arquivo municipal para a consulta dos seguintes datos”. E a continuación o nome e data dos xornais. E asinan as devanditas funcionarias. E eu, claro, feliz e agradecido, fun ver aqueles vellos papeis amarelos.

Ben. No Concello deberían saber algo que todos os que fixemos arquivística temos claro pero que é, sobre todo, de sentido común: debe haber diferenza de xestión entre un arquivo de xestión administrativa -vivo, de uso habitual interno, de expedientes e obras, contratacións, etc., oficinesco, reservado, etc.- e un arquivo histórico, de conservación e investigación, das cousas que por lei, antigüidade e lóxica pertencen a ese mundo. E como as institucións, incluído o Concello, deben ser sobre todo eficaces, non teñen porque todas ocuparse de todo. Un Concello ten, claro, obriga de traballar coa documentación “viva” administrativa que lle é imprescindible para o servizo corrente do cidadán, e se non lle interesa ou non é capaz de xestionalos, debe enviar os fondos históricos para tratamento profesional ao lugar axeitado. En Ourense, ao Arquivo Histórico Provincial, que hoxe, en San Francisco, ten unhas instalacións magníficas. E xa está. O que non se pode é andar mareando a un cidadán e aos traballadores cunha piollada así. Un decreto para que un investigador poida ver un vello xornal, parece disparate. Menos mal que non se fai un decreto para cada petición de libro nas bibliotecas municipais. E calo, mellor non dar máis ideas.

Contenido patrocinado

stats