Defuntos e antepasados

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 01 nov 2025 - 02:50

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

E lembro despois da cea, descendendo cara os grandes aliñamentos (de menhires) de Carnac e, baixo a luz da lúa, deambulando entre aquelas apertadas filas de grandes pedras, as súas sombras escuras eran o recordatorio do seu pasado aínda máis escuro e da nosa ignorancia sobre os seus fabricantes e construtores. Para min aquel era un momento grande e persoal, e puiden saber entón, incluso mellor que agora: aqueles monumentos megalíticos de Europa Occidental exercerían en min unha irresistible fascinación para sempre...”. Así escribía o profesor Glyn Daniel na obra “The Hungry Archaeologist in France”. Resúltame fácil comprender as sensacións deste prehistoriador mentres paseaba entre as filas de menhires de Carnac, na Bretaña. As impoñentes construción megalíticas son inmunes á indiferenza. Basta observar os rostros e escoitar os comentarios, xa non dos estudosos, se non dos visitantes que que achegan a elas: os ditos menhires densamente concentrados en Carnac ou de Le Ménec, cromlechs -circos líticos- como os de Kerbourgnec ou de Er Lannic, este último medio cuberto pola subida do nivel do mar tras a última glaciación. E como non, os inmensos túmulos de Petit Mont, Gravrinis, Saint-Michel ou Barnenez.

Sabemos que os dolmens se planificaban coidadosamente orientados cara á saída do sol no solsticio de inverno, buscando o simbólico alborecer que pode transformar un receptáculo funerario en monumento e centro de renovación vital, quizais un apoio para soster unha vida ultraterrea.

Todos forman parte dese megalitismo da Europa Occidental, igual que os do noroeste hispánico. Estou seguro que se vostedes dan un paseo entre os monumentos megalíticos do val de Salas, en Muíños, ou entre as voluminosas mámoas da serra de Leboreiro, grandes concentracións con que conta a provincia de Ourense, teño a certeza de que tampouco sentirán indiferenza. Sobre todo se coñecen os significados que a arqueoloxía está descifrando acerca destas arquitecturas prehistóricas do neolítico -os primeiros produtores de alimentos-, algunha con máis de seis milenios de antigüidade, construcións que resisten a caer no esquecemento pese o transcorrer tempo. Son tumbas, panteóns funerarios concienzudamente erixidos para perdurar, pero tamén para exhibir a súa presencia. Descoñecemos os detalles do ritual. Sabemos que os dolmens se planificaban coidadosamente orientados cara á saída do sol no solsticio de inverno, buscando o simbólico alborecer que pode transformar un receptáculo funerario en monumento e centro de renovación vital, quizais un apoio para soster unha vida ultraterrea. Os defuntos entérranse na compaña de ferramentas, recipientes cerámicos, adornos e outros obxectos que os acompañarán no seu novo estado despois do tránsito ao máis alá, un novo lugar -celeste?, espiritual?- que de momento descoñecemos.

Tamén aparecen pinturas e gravados nas lousas dos dolmens, algunhas interpretadas incluso, aínda que con dubidas razoable, como unha deidade. Pese a todo e como lles contaba noutros escritos, non temos información suficiente afirmar que existiu unha relixión megalítica, un sistema de crenzas común para unhas sociedades que se distribúen por case toda a fachada atlántica europea a partir do Vº milenio AC. Para o célebre prehistoriador Gordon Childe existiría un sistema compartido de crenzas nas sociedades neolíticas daqueles tempos.

Pero hai unha cousa que debemos ter en consideración cando visitemos este megálitos: o ritual funerario ten a poderosa virtude de transformar os corpos inertes en antepasados, en historia mesma de cada comunidade que construíu megálitos. E está ben recordalo estes días de defuntos.

Contenido patrocinado

stats