A democracia (tamén local) como reflexo do que somos

Publicado: 04 dic 2025 - 05:05

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A condena do xa ex fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, por revelar datos reservados da parella da presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso da conta dunha actual polarización que corroe ás institucións. Cinco maxistrados conservadores aprobaron o veredicto mentres dúas maxistradas progresistas emitiron voto particular discrepante. A sentenza basease en indicios, non en probas claramente incriminatorias, nunha causa onde a propia Fiscalía pediu a absolución. O Tribunal Supremo incorre en contradicións coa súa propia xurisprudencia en casos anteriores, mais trátase de arremeter contra o “sanchismo” custe o que custe. Montesquieu estableceu no século XVIII que a división do poder constituía o fundamento da liberdade política. A figura do xuíz debía ser “a boca que pronuncia as palabras da lei”, mais no Estado español contemporáneo a xustiza devén campo de batalla onde o político interfíre no xudicial.

Recentes enquisas revelan datos inquietantes. Según o barómetro do instituto 40dB publicado co gallo do cincuentenario da morte do ditador Franco, unha cuarta parte dos xoves españois considera que en determinadas circunstancias un sistema autoritario pode ser preferible á democracia. A ignorancia histórica é alarmante: o 55% non sabe cando tivo lugar o réxime franquista, o 51% descoñece que lado tomou a súa familia na Guerra Civil e o 48% dos mozos da xeración Z ignora como morreu Federico García Lorca. Apenas a metade dos enquisados atribúe o inicio da Guerra Civil a un golpe de Estado militar contra o goberno democrático da Segunda República. Esta lagoa de coñecemento fundamental reflicte unha poboación que abdica da súa responsabilidade de transmitir memoria democrática.

Esta ignorancia estrutural é consecuencia dunha sociedade onde todos opinan de todo pero ninguén sabe absolutamente nada. O concepto de “ignorancia racional”, desenvolvido polo economista Anthony Downs, explica como os individuos optan por permanecer desinformados cando o custo de adquirir coñecemento supera o beneficio percibido. Observamos así como un mes todos son epidemiólogos, ao mes seguinte expertos en macroeconomía ou en xeopolítica, e ao seguinte avezados meteorólogos capaces de negar o cambio climático. Cada quen devén especialista instantáneo sen estudar, contrastar fontes nin comprender a complexidade dos asuntos públicos. As democracias son “gobernos de opinión”, mais dentro dos límites que establece o coñecemento informado, non a acumulación de pareceres sen fundamento.

A participación política non é unha fórmula aritmética onde a maioría sempre ten razón. Robert Dahl establece cinco criterios fundamentais para que un réxime sexa unha poliarquía, unha democracia realmente existente: participación efectiva, igualdade de voto, comprensión informada, control da axenda pública e inclusividade. A comprensión informada implica que os habitantes deben gozar de oportunidades para coñecer que elección sería a máis axeitada. A representación require cidadáns capaces de exercer xuízo crítico, non simples consumidores de propaganda política. España é unha das 25 “democracias plenas” que existen no planeta según The Economist, un privilexio que goza só o 6,6% da poboación mundial, mais non está garantido se a sociedade abdica da súa responsabilidade de informarse adecuadamente. Se queremos institucións íntegras, debemos ser cidadáns íntegros.

Aristóteles xa advertira hai máis de 2.300 anos que o sistema pode derivar en demagogia cando os líderes populistas manipulan as emocións colectivas para o seu propio beneficio no canto de buscar o ben común. A democracia non é unha entelequia nin un ente abstracto: é un sistema de representación onde nós poñemos e quitamos, onde nós eliximos. Son os cidadáns quen a conforman, quen a defenden ou quen a degradan coas súas decisións e coa súa inacción. O filósofo grego non rexeitaba a participación popular senón que advertía da necesidade dunha cidadanía educada e virtuosa. Se toleramos a mediocridade na vida pública, se normalizamos a mentira, se aceptamos a corrupción como inevitable, obtemos exactamente os gobernos que merecemos. Esta visión mantén toda a súa vixencia nun contexto onde a proliferación nas redes sociais substitúe o debate informado, confundindo o dereito a opinar coa respectabilidade de todas as posturas.

Cando a oposición veta unha modificación de crédito para mellorar este autobuses, este a responsabiliza de “bloquear o futuro”, instrumentalizando a política das cousas

Ourense non é alleo a esta dinámica. O alcalde construíu unha narrativa de éxito sobre o transporte urbano sen cifras verificables, proclamando que a gratuidade incrementara os viaxeiros un 30-40% sen estudos que o avalen. Cando a oposición veta unha modificación de crédito para mellorar este autobuses, este a responsabiliza de “bloquear o futuro”, instrumentalizando a política das cousas. Desencadease entón un diluvio de comentarios que defenden ou atacan ao mandatario. O debate devén estéril, nutrindo unha polarización local que non xera melloras obxectivas. As culpas sempre son dos outros ou das administracións superiores. A ausencia de datos é o triunfo da retórica sobre a evidencia, socavando a democracia. Esta mediocridade non é accidental. Os gobernos son o reflexo exacto daqueles que din representar. Se hai corrupción é porque nós a toleramos. A democracia que temos, exasperante e polarizada, é aquela que estamos dispostos a aceptar. Mellorar comeza por ser mellores cidadáns.

Contenido patrocinado

stats