Ignorancia dolosa e simplificación como cálculo político

Publicado: 05 mar 2026 - 03:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Para ver de descifrar a Democracia Ourensana, un dos partidos menos transparentes do Estado, abonda botar un ollo ás redes do seu líder nun exercicio tan desconcertante como revelador. Nos comentarios hai quen lle ri as ocorrencias e louva a lucidez deste faro clarividente que reduce o mundo a branco e negro. Nunha semana típica agroman sentenzas inapelables sobre o mercado de traballo, tecnoloxía militar, a “mentira do cine español” ou a agonía do castelán no país de Donald Trump co gallo de Bad Bunny na Superbowl. “Sen relevo xeracional, o idioma non perdura”, finca Pérez-Jácome. Segundo o Instituto Cervantes, é a segunda lingua materna do mundo con 485 millóns de usuarios, e os Estados Unidos xa só están superados por México en número de hispano-falantes. Que a asimilación interxeracional afecte ás comunidades emigrantes é un fenómeno real. Equiparalo a un “declive absoluto” é falso.

Outra publicación, sobre a taxa de actividade local, parte dun dato verificado. Ourense é a única provincia española por debaixo do 50%, segundo a Enquisa de Poboación Activa. O alcalde atribúe esta situación á discriminación da Xunta de Galicia e do Estado, responsables en exclusiva, ao seu xuízo, das políticas de emprego, economía e educación, concluíndo co mantra do agravio da “cincenta”. Omite Pérez-Jácome que os concellos dispoñen de instrumentos propios, que van desde a ordenación urbanística até a atracción de investimentos, a orientación laboral ou o aproveitamento turístico. A cidade, coa rede termal urbana máis densa de Europa, ten espazos pechados desde 2019 e baixo o seu mandato non aprobou ningún plan de desenvolvemento económico. Abundan os municipios que, con ambición, desenvolven políticas de emprego con resultados.

Con motivo dos premios Goya, o rexedor lanzou ás redes a que presentaba como “verdade do cine español”: que o 98% das películas serían deficitarias sen axudas públicas e que Hollywood facía filmes para gañar cartos mentres que en España se producen para perdelos. Ningunha desas cifras aparece verificada no ICAA nin noutro organismo acreditado. O Informe Anual do Sector Audiovisual 2025 ofrece un panorama completamente diferente. A industria fílmica emprega 130.000 persoas, somos un recoñecido destino de rodaxes foráneas e a cuarta nación europea en asistencia a salas, con 73 millóns de espectadores en 2024, e a produción de longametraxes medrou un 69% desde 2020. Alén da interesada confusión entre rendibilidade comercial e valor cultural, as dimensións da economía do cinema no Estado desmenten radicalmente o aserto de partida.

Ao tempo que o alcalde emite veredictos sobre Hollywood ou as contendas deste século, fai caso omiso de calquera crítica como parte consustancial da súa estratexia

Quizais sen el mesmo sabelo, a suficiencia que Pérez-Jácome enarbora sobre o seu descoñecemento funciona como engado político entre franxas da poboación. Robert N. Proctor, historiador de Stanford, acuñou o concepto de agnotoloxía para nomear a produción deliberada de dúbida como mecanismo de poder, o mesmo que utilizaron as tabaqueiras para contaminar o debate científico antes de que chegase calquera réplica. A filósofa eslovena Renata Salecl trasladou ese mecanismo ao campo do populismo, describindo como os líderes que fan bandeira da súa ignorancia, erixida nunha sorte de “honra identitaria”, xeran adhesión emocional entre certo electorado. Este antiintelectualismo militante despreza a análise rigorosa e a complexidade dos problemas -da xeopolítica á economía urbana- reducíndoos a pronunciamentos simples e solucións unívocas de fácil consumo. Cada arroutada diletante de Pérez-Jácome é, neste senso, un acto calculado de posicionamento político.

Sexa deliberada ou un trazo de carácter propio do rexedor, esta estratexia ten un destinatario preciso. Apela a quen desconfía das institucións, dos medios de comunicación tradicionais e do saber experto, e quen encontra na irreverencia intelectual do líder un reflexo do seu propio rexeitamento ao saber formal. Un recente estudo de Richard Youngs, do Carnegie Endowment for International Peace, e Elene Panchulidze, do European Partnership for Democracy, encargado pola Eurocámara para analizar a penetración das narrativas antidemocráticas en Europa, documenta como estas transforman o coñecemento en sospeitoso elitismo e a ignorancia en emblema de proximidade co “pobo auténtico”. O noso aprendiz de mandatario iliberal comparte manual e dinámicas con Orbán, que aplica desde un contexto onde o escrutinio cidadán é máis feble e, malia a gravidade, a erosión democrática raramente fai saltar as alarmas.

Ao tempo que o alcalde emite veredictos sobre Hollywood ou as contendas deste século, fai caso omiso de calquera crítica como parte consustancial da súa estratexia. Non é anómalo, polo tanto, que os seus fieis correlixionarios compartan un mesmo perfil de impericia case caricatural dos asuntos que deben abordar, argumentacións superficiais e estridentes, e nulas aspiracións de sabenza auténtica. Perfís próximos ao modelo Trump, cuxa eficacia comunicativa, segundo Frédérique Sandretto, profesora de civilización americana en Sciences Po París, estriba nun vocabulario de apenas 200 palabras, equiparable ao dun neno de ano e medio. En Ignorance: A Global History, Peter Burke clasifica a incultura en tres graos: non saber que non se sabe, saber que non se sabe, e non querer saber, que denomina “ignorancia dolosa”. Nese grao de descoñecemento sen complexos, que tanto rédito político lle ten aportado, habita o noso particular cuñado omnisciente.

Contenido patrocinado

stats