O desastre de Podemos

PENSAR POR PENSAR

Publicado: 16 oct 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Paso a folla do meu caderno de notas onde vou deixando as impresións sobre a vida e obra de Podemos e atopo un espazo en branco onde non hai nada que ler. Volvo atrás e vexo que desde 2014 a estes días os meus criterios sobre a formación violeta foron máis críticos que positivos e acabo concluíndo que, mentres as súas formulacións ideolóxicas como punto de partida semellaban interesantes, e mesmo necesarias, os movementos do líder, Pablo Iglesias Turrión, non eran de fiar. Demasiada demagoxia, exceso de personalismo, contradicións entre o dicir e o facer… en definitiva, un individuo máis dos moitos que pululan polas bancadas da vida pública nacional. De propoñer o final do bipartidismo para ocupar a vicepresidencia dun goberno do par tradicional só mediaron os pasos do oportunismo. De presentarse como unha forza asemblearia a destituír a toda a cúpula fundadora, para maior gloria do ordeno e mando, bastaron un par de rosarios coas súas penitencias. A cidadanía desencantada non tardou en comprender que Podemos era e é Pablo Iglesias Turrión, o resto non pasa de ser pura follaxe.

Alá por 2015 houbo espazo para o soño. Os dirixentes de Podemos conseguiron xuntar diversos intereses para romper a dinámica herdada da transición democrática, do “réxime do 78”, segundo a clave podemita, e conseguiron o 20,68% dos sufraxios. O líder puido presumir de ter máis de tres millóns de votos no seu peto privado. Pero todo soño ten o seu espertar e a caída foise precipitando baixo o voo das navallas e as traizóns. Poñamos que o obxectivo era chegar ao Goberno do Estado pero, unha vez alcanzado o colchón compartido con Sánchez, veulles grande e saíron pola porta de atrás coa escusa do inconformismo. Xa en 2023, o precipicio estaba a un paso, a porcentaxe de votos con Sumar só alcanzou un 12,31% e os parlamentarios conseguidos por Podemos foron catro compañeiras e un señor. Ao termo chegaron ao cabo da lexislatura con só catro representantes xogando a ser oposición a Sánchez. Cales foron os logros emanados das famosas acampadas do 15-M? Podemos naceu para capitalizar aquel movemento de “os indignados” pero doce anos despois retornaron as acampadas con similares reivindicacións. Entón serviron de “bobo útil” para que o PP de Rajoy chegase á Moncloa. Agora a situación, por fortuna sen un novo Podemos, parece distinta. Espero non equivocarme.

Na presente folla do meu caderno a demoscopia ao uso augúralle ao partido de Pablo Iglesias un ou dous parlamentarios, caso de presentarse unicamente baixo as súas siglas. Por tanto parecería lóxico que Irene Montero e Ione Belarra se unisen ao Fronte Amplo para conservar o posto de traballo. Pois non señor! Ese partido nado en 2014 para xuntar todas as sensibilidades máis aló da socialdemocracia rompeu a baralla antes de botar as cartas. Volveu a mentir e a traizoar á nova fronte mediante un pacto con ERC, coa incomprensible complicidade de Gabriel Rufián e un teatriño de sombras chinesas.

Anoto no meu caderno que o partido morado asinou en Cataluña a súa acta de defunción para despois do 29-N e que pasará á pequena historia dos partidos experimento como unha fraude monumental ás esperanzas de millóns de mozos que unha década atrás desde as aulas universitarias soñaban cunha España renovada, mellor, máis democrática e esperanzada. Como resultado de semellante andaina, agora o bipartidismo imperfecto segue malferido e o país enfróntase a un posible cambio estrutural realmente perigoso.

Contenido patrocinado

stats