“Destrución creativa” versus fatalismo territorial

Publicado: 16 oct 2025 - 04:10

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O Nobel de Economía 2025 acaba de recoñecer a Joel Mokyr, Philippe Aghion e Peter Howitt por explicar como a innovación impulsa o crecemento económico sustentable. Mokyr, en A Culture of Growth: The Origins of the Modern Economy, demostrou que o desenvolvemento sostido comezou en Gran Bretaña porque alí existían artesáns e enxeñeiros capacitados que transformaban ideas en produtos comerciais, e porque o marco regulador británico non permitía que grupos privilexiados bloquearan facilmente os cambios. Aghion e Howitt desenvolven desde 1992 a teoría da “destrución creativa”, que explica como artigos novos e mellores substitúen aos anteriores no mercado, facendo que empresas ancoradas en tecnoloxías obsoletas saian perdendo. Os seus traballos amosan que o progreso non é automático e require estruturas que fomenten a renovación e eviten que intereses enrocados bloqueen a transformación. Unha lección que resulta especialmente relevante para territorios periféricos que enfrontan o dilema existencial entre administrar o seu esmorecemento ou construír estratexias disruptivas de futuro.

Apostar por un horizonte de salvación disruptivo require dunha decisión consciente para valorar competencias técnicas sobre outros factores

Ourense exemplifica a trampa na que caen moitos espazos periféricos europeos. A clase política local leva décadas vendendo un relato derrotista: estamos condenados a minguar lentamente, non hai alternativa e os poderes públicos só poden retrasar o inevitable. Desde esta narrativa fatalista xestionamos o ocaso como podemos, así que mantemos servizos, retemos poboación mediante paliativos ou competimos por investimentos menores que xeran precarios empregos. Unha lóxica administrativa que nunca reverte tendencias profundas porque non cuestiona os marcos de referencia. Mentres debatemos se ter ou non unha mina, territorios similares xa están en Bruxelas negociando como capturar o máximo valor da cadea extractiva, participando nas redes onde se configuran as políticas de materiais críticos, tecendo alianzas para reforzar o seu poder de negociación. Eles non administran, proxectan. Non reaccionan, anticipan. Non compiten localmente, conéctanse globalmente. Esa é a diferenza entre sobrevivir e prosperar. O inmobilismo político ourensán non é destino inevitable: é unha escolla deliberada que bloquea o cambio.

O contexto global revaloriza activos que Ourense posúe e non sabe capitalizar. Temos auga cando Europa seca, minerais que a transición enerxética precisa con urxencia, capacidades industriais consolidadas cun forte potencial, man de obra formada con tradición técnica, infraestruturas loxísticas subutilizadas, capacidades tecnolóxicas emerxentes en nichos estratéxicos, baixa densidade poboacional que algúns buscan desesperadamente. Converter activos en oportunidades require de innovación nas estruturas de goberno. A investigación sobre rexións periféricas confirma que espazos sen ecosistemas locais de innovación robustos poden compensar esa debilidade mediante alianzas estratéxicas con centros europeos de decisión e redes internacionais. Pero só se desenvolven primeiro capacidades propias para negociar desde posicións de forza, non desde a mendicidade, incapacidade e falta de visión institucional.

Para aproveitar vínculos globais primeiro debemos abandonar o fatalismo que nos paraliza e aprender a interpretar as oportunidades das tendencias xeopolíticas. Isto require perfís capaces de traducir esas oportunidades en proxectos concretos e mecanismos institucionais que permitan aprehendelos. A teoría da destrución creativa que valeu o Nobel a Aghion e Howitt aplícase non só a empresas, senón tamén ás administracións públicas. É urxente substituír lóxicas obsoletas por mulleres e homes capaces, ambiciosos, conectados co mundo e integrados en redes internacionais. Profesionais con experiencia en negociación con organismos europeos que entendan mecanismos de financiamento, procesos decisorios e alianzas que determinan quen avanza. Con contactos que funcionen, dominio de idiomas técnicos e formación en ciencia política, relacións internacionais e economía política para comprender posicionamentos xeopolíticos e cadeas de valor. Estes perfís existen, moitos son ourensáns que emigraron ao non atopar aquí espazos onde aplicar o seu talento, pero as administracións locais non os buscan porque operan sobre criterios de selección máis mundanos.

Apostar por un horizonte de salvación disruptivo require dunha decisión consciente para valorar competencias técnicas sobre outros factores. Non é elitismo, é supervivencia. Competimos con territorios europeos que teñen estes perfís en postos clave desde hai décadas e que levan vantaxe acumulada. A lección do Nobel é clara: o crecemento sostido require estruturas que fomenten a renovación e eviten que intereses bloqueados paralicen o progreso. Ourense pode seguir sendo espazo pasivo que sofre dinámicas globais ou pode aprender a navegalas con intelixencia estratéxica. Pero isto require destruír creativamente as nosas propias estruturas de goberno obsoletas, en lugar de seguir administrando o declive cotiá. A pregunta fundamental pasa por determinar se temos a valentía para mobilizar as competencias susceptibles de capitalizar os recursos que xa posuímos. O discurso derrotista da clase política local non é un diagnóstico obxectivo. É unha profecía autocumprida que perpetúa o inmobilismo e nos condena ao abismo.

Contenido patrocinado

stats