O negocio da apocalipse

Publicado: 12 feb 2026 - 04:10
David Alvarado
David Alvarado | La Región

O politólogo Richard Seymour acuñou o concepto de “nacionalismo do desastre” para designar unha estratexia política que non describe a realidade, senón que a constrúe dun xeito ben particular: a ultradereita precisa cidadáns convencidos de que todo vai a peor, que estamos a piques do colapso, que nunca antes as cousas estiveron tan mal. Unha sofisticada ferramenta electoral, que non un fenómeno novo. O medo serviu historicamente de combustible político, pero nunca antes dispuxo de amplificadores tan eficaces nin omnipresentes. O pánico mobiliza, o resentimento fideliza, a sensación de catástrofe inminente esixe solucións radicais. Convén preguntarse quen produce esta percepción, como circula e a quen beneficia. As respostas arroxan luz sobre o que está a ocorrer nas democracias occidentais e explica por que o pesimismo deveu o produto político máis rendible do noso tempo.

O Estado español ten unha das meirandes esperanzas de vida do mundo. O sistema público de saúde atende a toda a poboación independentemente da súa renda, sendo recoñecido entre os mellores por rankings internacionais. Calefacción, conectividade e servizos sociais básicos tienen una cobertura sen precedentes. Persoas con enfermidades crónicas incapacitantes perciben prestacións e coidados impensables hai anos. A educación universitaria é accesible para xeracións cuxos pais nunca imaxinaron chegar a tela. Contamos con máis de 17.000 quilómetros de autovías e a segunda maior rede de alta velocidade do planeta. O salario mínimo medrou un 55% na última década, duplicando a inflación acumulada no mesmo período. Medraron as nosas necesidades e expectativas, síntoma paradoxalmente do benestar acadado, e os cartos non sempre chegan para xestos cotiáns que artellan a nosa vida social. A narrativa do declive absoluto non resiste a evidencia.

Un estudo publicado na revista Science por investigadores do Massachusetts Institute of Technology demostrou que nas redes sociais as noticias falsas difúndense até seis veces máis rápido que as verdadeiras

Que nutre a visión sempre catastrofista da realidade? Alén da estratexia política, hai que mirar cara o ecosistema dixital. As grandes plataformas -X, TikTok, Instagram, Facebook- non son infraestruturas neutras de comunicación. Son arquitecturas deseñadas para maximizar o tempo de exposición, e a psicoloxía cognitiva leva anos demostrando que o medo, a zuna e a indignación xeran máis interacción que a calma e a satisfacción. O algoritmo recompensa o conflito. Cada vez que un usuario interactúa cun contido alarmante, o trebello aprende a servirlle máis do mesmo, construíndo unha burbulla emocional que reforza a sensación de ameaza permanente. Non é un efecto secundario: é a lóxica central do sistema. Nesa entorna prodúcese, desenvólvese e amplíase boa parte da desinformación que hoxe condiciona o criterio cidadán cotián.

Un estudo publicado na revista Science por investigadores do Massachusetts Institute of Technology demostrou que nas redes sociais as noticias falsas difúndense até seis veces máis rápido que as verdadeiras, chegando a máis persoas e penetrando con maior profundidade nos círculos de contactos. Doutra banda, o Reuters Institute Digital News Report conclúe que menos do 40% dos españois confía nos medios de comunicación. A combinación é fulminante. O resultado é unha audiencia que percibe un mundo máis deteriorado do que os datos obxectivos reflicten. Unha cidadanía receosa das fontes verificadas, exposta a un fluxo infinito de contidos sen edición nin contraste, que aflúe nunha esfera pública fragmentada onde alarma e conflito subministran máis satisfacción emocional -e máis clics- que novas rigorosas e contextualizadas.

A este fenómeno hai que engadir un problema de fondo, non asumido: ninguén é inmune aos nesgos cognitivos. As ciencias do comportamento levan décadas documentando que tendemos a buscar informacións que confirmen as nosas crenzas previas, que lembramos mellor as novas que reforzan as nosas inquedanzas e desleixamos as que as contradín. A fartura de artigos non mellora a calidade do xuízo, empeórao. Ademais, cando calquera de nós pode producir e difundir contido en tempo real, sen formación xornalística nin responsabilidade editorial, erosiónanse os mecanismos que a democracia precisa para funcionar. A información nunca foi neutra nin inocente, pois sempre estivo condicionada por intereses e perspectivas. Pero nesta xungla dixital, a distorsión opera a unha velocidade e escala sen precedentes na historia da comunicación, e moi poucos dispoñen de armas para facerlle fronte.

O resultado é unha audiencia que percibe un mundo máis deteriorado do que os datos obxectivos reflicten.

Antonio Gramsci formulou desde a cadea unha das máximas máis lúcidas da teoría política do pasado século. O seu “pesimismo da intelixencia, optimismo da vontade” non era un chamamento á inxenuidade nin a ignorar a magnitude dos problemas reais. Era precisamente o contrario: unha apelación a non se deixar secuestrar polo relato do colapso. Alexis de Tocqueville advertía xa no XIX que a democracia non sucumbe á tiranía do déspota, senón á pasividade do cidadán que, afogado en pánico e pequenos praceres, renuncia a pensar por si mesmo. Ese abandono é hoxe o principal negocio político. O vaso medio cheo non é conformismo nin negación, senón resistencia fronte a aqueles que precisan que vexamos o contedor sempre baleiro para sacar rédito do noso desacougo. Esixir rigor, practicar a dúbida razoada e ser conscientes de como se fabrica a información que consumimos non é optimismo naif. É democracia activa.

Contenido patrocinado

stats