Lalo Pavón
OBITUARIO
Francisco García, entre a firmeza e o pragmatismo
Foi impresionante e sorprendente a actitude daquel home que limpaba a muralla de Lugo. Daba xenio velo, ía coa vasoira e o recolledor correndo detrás das follas, limpando o que outros ensuciaban, correndo apuradamente para chegar e baleirar a recolecta na esterqueira da esquina, alí onde as miñocas medran e crean vida de forma natural. Indiscutiblemente era destro aquel eficiente traballador que levaba na man dereita a vasoira e na esquerda, como se fose un aderezo, o recolledor de aluminio lixeiro. Nalgúns momentos, cando procedía alixeirar o paso, agarraba os dous aperos coa mesma man e coa outra braceaba con moita insistencia, como se fose un auténtico equilibrista que quería que o visen nas alturas, alá arriba, no cimo da muralla, onde aqueloutro da limpeza, Manoliño, quería ser vitalicio.
Subiu ao adarve por unha das dúas ramplas de acceso (os outros puntos de subida son seis escaleiras e un ascensor) e, cunha velocidade semellante á dos paseantes de paso longo, foi limpando sen parar ata que, en vinte minutos, chegou ao lugar por onde subira e alí parou, mirou o reloxo, alentou sen dificultade e baixou. Ía aquel home ataviado cun traxe apropiado e adaptado ás esixencias dos mandos modernos e con sentido práctico da defensa necesaria do medio ambiente. Un traxe verde impoluto e fluorescente, con gorra de prato agraciada para un varredor ou para un piloto.
Os camiñantes, que subiran á muralla para coidar da saúde e retraer o colesterol, non lle seguían o paso, era unha verdadeira máquina andando. No rabo da vasoira levaba ben á vista o indicativo do GPS. Non podía parar, nin falar, nin pousar a ferramenta. Tiña obriga de cumprir coas encomendas: limpar, recoller e seguir. Un papel aquí, unha folla podre máis adiante, outro papel e outra folla voando. Os camiñantes sorprendíanse da mobilidade daquel operario novo e bo mozo.
Daba gusto ver como arrastraba a vasoira polo lombo das paredes milenarias, como fuxía da parte sombría e se arrimaba, tamén velozmente, ao sollío. Manexaba o recolledor como se fose un prezado instrumento musical e, ao pasar por xunto daquela cagada que había subindo á esquerda, o eficiente corredor limpador ía mirando para a dereita, obnubilado por un raio do sol que se escondía detrás dunha nube negra. Que tristura!
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
AL DESNUDO, MENOS UNO
La Justicia, a punto de sacar a la luz el patrimonio que Jácome oculta
ACCIDENTE DE TRÁFICO
Un herido al chocar con el coche contra el muro de una casa en Castrelo do Val
CONSULTA EL PROGRAMA
Programa y cartel del entroido de Sande 2026