LA OPINIÓN
Al loro
Comeza un dos moitos e fermosos poemas que Celso Emilio Ferreiro compuxo ó longo da súa vida e que neste caso serviu para abrir o libro 'Onde o mundo se chama Celanova', do seguinte xeito: 'Nacín (modestia fóra)/ nun lugar onde o mundo/ se chama Celanova./ Moitas vegadas/ a miña nai contoumo./ O día que ti naciche/ houbo estranas sinales no ceo./ Outo era entón o vento de xaneiro,/ as pombas do solpor tornaban lentas/ na serán sosegada.(...)'.
Traio esta estrofa a colación co fin de facer un apuntamento que considero necesario para poñerlle luz, co gallo do centenario, a un deses típicos erros biográficos que a partir dunha eiva primaria logo corren de referencia en referencia e de cita en cita ata acabaren dándose por certos, iso si, sen máis apoio documental có da cadea errática xerada por non ir á base documental, que é a fonte máis axeitada para despexar tódalas dúbidas.
Estou falando da data de nacemento do poeta e da razón -obvia razón- pola que o acto de apertura do Centenario tivo lugar na xornada de onte e non na de Reis, como algúns biógrafos levan apuntado en cadea.
Co formulismo propio do argot xurídico utilizado polos Rexistros Civís, a súa acta de nacemento recolle o seguinte: 'En la villa de Celanova, de la provincia de Orense, a las diez del día seis de enero de mil novecientos doce, ante el licenciado Daniel Méndez Brandón, abogado y juez municipal y Camilo Mosquera de Nóvoa, secretario, comparece don Venancio Ferreiro Reinoso, casado, mayor de edad, natural de Olas (La Merca) y domiciliado en esta villa, manifestando haber nacido un niño y para su inscripción, como padre, declara que dicho niño nació en su domicilio a las cuatro del día cuatro del corriente. Que es hijo legítimo del declarante y de su esposa Obdulia Míguez Buján, de cuarenta y seis años, natural de Forjanes de Viñas, en el indicado Merca, y domiciliada en el de su marido...'
De onde é posible que parta o erro, entón?
Pois, moi probablemente de que ese ?o 6- foi o día no que Venancio Ferreiro procedeu á inscripción do neno Celso Emilio no Rexistro, tal e como queda apuntado liñas arriba, tendo en conta, ademais, que a súa redacción, '... a las diez del día seis de enero...', é moi proclive a esta errada interpretación.
Quede, pois, constancia escrita aquí deste feito biográfico que sen lle dar nin lle quitar nada ó poeta, si sirve para poñer unha verdade histórica por riba da mesa. Ou, en calquera caso, unha verdade documental, porque xa se sabe que os papeis -e daquela máis- teñen man de todo e do seu contrario.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
LA OPINIÓN
Al loro
Manuel Orío
PREMIOS Y RECOMPENSAS
Premios y recompensas
Chicho Outeiriño
DEAMBULANDO
Vivir del arte o la escritura, una quimera
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Los condones en la Torre de Hércules
Lo último