Chito Rivas
RECUNCHO HEBDOMADARIO
Os arquivos do terror
Ó saír da casa vin o arco da vella e quixen pasar por debaixo del. Canto máis avanzaba, máis se afastaba. Dei a acción por rematada. Non son tan parvo para insistir nun imposible. Optei por mirarlle as cores e contalas. Sete. Tal como di o conto. Sei que unha vez, hai tempo xa, corrín e choutei por todas as súas cores, pero hoxe non procedía. Nin me apetecía nin estaba para perder o tempo.
Esquecín o arco da vella e pensei na lonxitude dunha cola de lagarto cando este está a tomar o sol. Pensei, pois aínda que quixera realizar tal feito, nin hai lagarto nin alumea o sol. O ceo está gris, nubrado e mesmo, ós cachos, marmaña. O outro día alguén me preguntou que era marmañar. Aquí lle vai a riqueza da nosa lingua: baballar, babuñar, babuxar, barbañar, barbuñar, barbuzar, barrallar, barrazar, barrufar, barruñar, barruzar, brecar, chuviñar, chuviscar, froallar, lapiñar, marmallar (marmañar, por suposto), orballar, patiñar, poallar e zarzallar. Só para dicir que chove miudiño.
Pois si, o tempo está para ver arcos da vella, para ver nubes, algunhas veces incluso o sol (lagartos, coma que non) e para andar ás présas para que o orballo non me pille polo camiño. O tempo é este típico no que non sabes que poñer, como saír: se con paraugas ou non, se con zapatillas ou non, se con chaquetiña ou non, se con xersei ou non.
Collo camiño da casa e xa non existe tal arco da vella. Nin a imaxinación se me vai entón a pasar por debaixo del, nin tan sequera a buscar as súas cores. E como tampouco me atoparei con lagartos, que midan o que queiran as súas colas, os seus rabos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CONFLICTO EN EL CARIBE
EEUU pone cerco al petróleo venezolano con dos abordajes
CORRUPCIÓN EN EL PSOE
Cargos de Deloitte declaran por la cátedra de Begoña Gómez