Fernando Ramos
HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL
Las verbenas del Posio
Andan os tempos revoltos e hai quen pensa que é por culpa da política, debido ao desentendemento entre uns e outros, por mor da pouca atención que se lles presta aos obxectivos, aos principios, aos intereses colectivos e aos intereses dos outros. Andan os tempos revoltos, avoltos como o viño quente. E, cadaquén co seu voto, a única ferramenta que ten, fai da súa capa un saio para a sorpresa dalgúns, para deixar como pasmóns ou bocaabertas a moitos. Ante todo a aqueles que teñen a acción política como profesión.
As diferenzas enriquecen, fortalecen os desiguais puntos de vista, igual que as discrepancias enriquecen, fortalecen e sácanlle zume ao diálogo e á negociación. En política é fundamental a discrepancia, imprescindible para acadar acordos. Poida que por tal razón, aquelas persoas que queiran vivir da política sexan as máis interesadas en fabricar inimigos, discrepantes nas formas, opoñentes, adversarios e rivais capaces de, cando faga falta, dialogar, falar e acordar. Malo sexa!
Disentir é bo, é necesario para debater, para contrastar puntos de vista, programas, opinións e, incluso, razóns. Como dixo José Saramago, é un dos dereitos que lle faltan á Declaración de Dereitos Humanos, a que determina que “a vontade do pobo é a base da autoridade do poder público”. Esta vontade -engade- expresarase “mediante eleccións auténticas”. Que lles parece, amigos lectores? E, que lles parecerá aos representantes dos distintos partidos políticos?
O respecto parece que é a clave. Respecto e liberdade para opinar, falar e discrepar. A palabra é a ferramenta para o diálogo e o diálogo é o camiño principal para avanzar na negociación, para impoñer a cultura da igualdade entre os homes e as mulleres, na seara onde medran as discrepancias, na estivada onde renace o maltrato, onde se achica o valor do voto e o pobo perde temporalmente o interese.
Os dirixentes, par dar pasos firmes, é conveniente que anden cos pés na terra e asimilen que o credo que fan público diante dos electores sexa enteiramente o que profesan. Os políticos, segundo o parecer da Tía Manuela, deberían resolver as discrepancias e as diverxencias internas e, despois, escoitar moito máis, observar e, aínda que sexa en silencio, actuar e dar creto á verdade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Fernando Ramos
HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL
Las verbenas del Posio
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
No es un asunto menor
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Accidente del Yak-42
Roberto González
Jorge Bermello
Lo último