Divagacións de toalla sobre Praia América

Publicado: 23 ago 2025 - 02:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Vamos ver. Ao principio dos tempos, na costa apañábanse mariscos, como ben polos picos asturienses mesolíticos da costa sur de Pontevedra: daquela polo mar non viña nin ben nin mal. Despois, en época dos fenicios, gregos e romanos veu boa parte da civilización. Así naceron cidades como Roma, Ampurias, Tarraco, Londres, A Coruña, Vigo, Sagunto. Despois, coa caída do imperio Romano, o mar volveuse tebras. Viñan treboadas e piratas berberiscos, ou ingleses, polo que a xente prefería vivir no interior. Había no século XVII, máis habitantes na Gudiña que no Morrazo ou no Salnés. Despois, veu a domesticación do mar e a xente arrimouse á costa. Si, cos cascos de metal, coa introdución do vapor primeiro e dos motores diésel despois, e coa globalización da economía mundial (cousas entre o XIX e o XX) o mar pasou a ser unha autopista sen dono, de actividade económicas e relacións humanas. E o desprazamento á costa foi fenómeno planetario. Xa non era medo a piratas, epidemias ou desastres, era a oportunidade do comercio, as viaxes, as portas da emigración a un mundo mellor... E pouco despois, chegou o ocio e o deporte -palabra que ten que ver con porto, por certo- e comezaron os “bañistas”. Clase alta, ilustrada que ía tomar as augas e divertirse, moito máis que nun balneario decadente, e fuxir das calores do interior Os tolos anos vinte. En Galicia, os vellos e case extintos chalés de Sanxenxo -vivos nas memorias e nas fotos- serían un símbolo.

"O caso é que todos comparten o democrático bañador e os goces da levidade do corpo na auga, de estomballarse na toalla ou de tomar unha cervexa nun chiringuito"

E chegou o mundo actual, a era post-Seat 600. O de ir á praia, poñerse ao sol, nadar, sombrilla e bocata, foise convertendo en forma de ocio universal. Por primeira vez na historia, todos aprendemos a nadar. Uns poucos teñen chalés, algúns máis, apartamentos; uns pouquichiños, iates; outros alugan por semanas ou quincenas en calquera punto da costa, ou collen praza nun hoteliño; moitos van a pasar o día á Lanzada, Praia América ou Samil. O caso é que todos comparten o democrático bañador e os goces da levidade do corpo na auga, de estomballarse na toalla ou de tomar unha cervexa nun chiringuito. Aquí ou acolá. E tanto ten que sexa un o xefe dunha empresa como o seu último empregado. No verán, escapada á praia.

Pero os puntos-praia evolucionan. Coma todo. Se nos anos setenta, Praia América foi un dos centros principais dos veraneantes ourensáns e vigueses -os de Vigo tiñan chalés e os de Ourense, apartamentos- hoxe é outra cousa. Si. Lembro dos anos setenta a noventa a discoteca Eva, o Tíffanis, os novos locais de copas como o Funboard, ata que a xuventude empezou a ir só ás discotecas da recta de Sabarís -tipo Persígueme Rodríguez- ou a Baiona. E había unha certa vida de servizos en Praia América. A tenda da Olivia, co seu home vendendo peixe; a tenda na Marina; a tenda da esquina ao lado da panadería Xulio, que pechou este ano, e derradeiro punto onde se podía comprar prensa; o Pinzal, súper ben surtido, a Cristalera -local de restauración irmán da Galería de Baiona; os kioskos da praia, onde un podía de todo... e se cadra conseguir un contacto para uns percebes do mar sen lei. Pero chegaron a autopista e o polígono de Porto do Molle e todo cambiou. As tendas pequenas non puideron resistir o tirón dos Mercadona, Eroski e Lidel, alí asentados. E pecharon todas, ata o punto de que hoxe non é posible comprar prensa, carne ou peixe, en Praia América. Si. Resisten ben media ducia de restaurantes de diversos niveis, pero a nova realidade é que sexa praia, fundamentalmente, de visita dunhas horas; logo ás noites, queda deserta. Pasea ata Panxón ou a Ramallosa, e crúzase media ducia de persoas. Que tampouco está mal.

Contenido patrocinado

stats