Diversións tramposas

O AFIADOR

Publicado: 01 feb 2026 - 04:15
Lalo Pavón
Lalo Pavón | La Región

Adoitase atribuir aos nenos de épocas pretéritas habilidades para facer que calquera artefacto, ferramenta ou trebello dos que había nas casas do rural ou no entorno se transformasen en xoguetes, sen máis mediación que a da imaxinación. Por exemplo, o balasto, ademáis de ter conta das vías do tren, servía para ver que ocorría cando o convoi pasaba por enriba de varias destas pedras colocadas previamente sobre o raíl máis próximo. As posibilidades eran varias, pero o habitual era que sairan despedidas a ducias de metros entre o asombro dos argallantes, ata dar no chan ou nunha parede do entorno.

Folga dicir que os improvisados investigadores poñíanse a cuberto instantes antes, mais a sua percepción da seguridade distaba da realidade, así que producíanse sustos, si ben na etapa que servidor viviu non consta que a cousa chegase nunca a maiores. Podemos dicir que é un exemplo perfecto dunha diversión tramposa, que si ben servía para disfrutar (as variantes arredor da vía eran moitas e algunhas irreproducibles), tratábase dunha diversión tramposa que a pouco que o azar se despistara podía custar moi cara e mesmo letal.

Agora adiantemos varias décadas para asumir que aquelo era un disparate froito dun tempo nos que a conciliación estaba por chegar e os maiores traballaban arreo para sacar adiante as familias, sen tempo para vixiar e coidar do correcto comportamento dos pequenos. A sociedade avanzou tanto que hoxe resulta impensable un escenario semellante ante un risco vital que pasaba desapercibido no entorno.

Porén, evita a evolución a existencia de diversións tramposas? O pasado fin de semana houbo abundantes nevaradas, especialmente copiosas nas zonas de montaña, que foi aproveitada por moitos pais para desprazarse ás zonas brancas cos seus churumbeles para disfrutar con eles facendo bonecos, lanzándose bolas uns a outros ou botándose costa abaixo sobre sinxelos trineos. A concentración popular foi tal en moitos lugares que centos de coches -tal vez miles- quedaron aparcados invadindo a calzada, dificultando o tráfico xa de por sí complicado pola propia neve. Á beira dos vehículos, pola cara interior e tamén pola exterior, deambulaban unha riada de maiores, en moitos casos a poucos centímetros dos automóviles que circulaban dificultosamente pola estrada, xerándose evidente risco de accidentes ou atropelos. Como é posible que adultos sexan capaces de someter a semellante perigo as vidas propias e as dos seus? A neve pasa por ser o máis belo dos fenómenos naturais, dotado dunha maxia de gran poder seductor, aínda que fóra dos lugares específicos poida convertirse nunha diversión tramposa.

Contenido patrocinado

stats