Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
La vivienda, el último fracaso
CASTELLUM HONESTI
No amplo espectro de temas sobre os que escribín ó longo deste anos, o realismo ocupa unha posición central no desenvolvemento teórico referido ó papel esencial da política na vida da sociedade. Recoñezo que, ás veces, pode semellar case unha obsesión pero abofé que teño comprobado na praxe, a verdade e a validez dos seus alicerces teóricos.
Sempre diferenciei entre dúas maneiras de entende-la acción política. Unha delas deriva da vella crenza de que a Razón abstracta é omnipotente e que a lexislación a esgalla e maila planificación polo miúdo da sociedade, son suficientes para resolvelo todo. Esta visión racionalista e de laboratorio social, coma se fose a illa de Utopía ou a Academia Lagado, adoita se-lo produto de análises artificiais e dogmaticamente dirixidas cuxo resultado deriva, no mellor dos casos, nun efecto placebo que nunca ataca á raizame do problema e, polo tanto, non soluciona nada. A historia permanece aí, contundente e teimuda, para non deixarme mentir.
A outra, a visión conservadora que eu defendo, parte da conversa continua coa sociedade coma vía para inserirse na realidade e, sen apriorismos nin dogmas, ser quen de soluciona-los problemas. Esta opción actúa dende a convicción de que a fórmula infalíbel non existe, de que só témo-la certeza de que hai solucións menos malas porque a natureza humana está lonxe da perfección e, por esta mesma razón, recoñece que son o tempo, o lugar e as circunstancias, sempre cambiantes, as pezas definitivas que determinan aquilo que convén aplicar en cada momento.
Un realismo que consistiu en analizar de xeito obxectivo e integral as circunstancias, acepta-la foto que se me presentou diante e usa-la coma punto de partida dun plan de acción
E non quero estenderme sobre esas novas modalidades de pseudoacción política que nos asolagan hoxe: o trepismo e a mediocridade que enxalzan a persoas incapaces para a xestión e o populismo vulgar, quen concibe a res publica coma un panem et circenses. Dúas perversións que atopan nos alcaldes de Ourense e Vigo ós seus máis insignes representantes en Galicia.
Durante os anos que dirixín a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e presidín o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro, guieime sempre polo realismo como principio básico sobre o que construír un proxecto con vocación de éxito. Un realismo que consistiu en analizar de xeito obxectivo e integral as circunstancias, acepta-la foto que se me presentou diante e usa-la coma punto de partida dun plan de acción, implementar unha forma de xestiona-los recursos con sentido e, no seu caso, reformar aquilo cuxo resultado non foi o agardado ou ben, resultou moi mellorábel. Nisto consiste, na miña experiencia, colocar ás persoas no centro de calquera acción, facendo posíbel o que é necesario. Humildemente, penso que os resultados están ai.
Dende a posición que ocupo hoxe como representante político dos galegos, sigo a pensar que, alén de siglas e principios ideolóxicos, estamos obrigados a traballar dende a realidade das cousas; isto é, dende o que as cousas son per se. Neste sentido, teño claro que de pouco serven as fotos retocadas con bonitos filtros se non responden á realidade do que somos e como somos; sigo a defender que determinadas formulacións poden agradar a moitos ouvidos pero non son válidas se un pai que non atopa traballo para cubri-las necesidades básicas dos seus fillos ou un comerciante forzado a baixa-la persiana do seu negocio ó non chegar á fin de mes, seguen a agardar eternamente polas solucións reais ós seus problemas reais e concretos.
Penso que a política non pode consistir en obrigar á realidade a encaixar nunha teoría, senón nunha forma de teorizala como paso previo a aplica-las solucións precisas. Máis polo miúdo, coido que o realismo non debe se-lo selo de calidade dunha única opción política: pola contra, aspiro a que, un día, sexa a forma de actuar de tódolos partidos galegos. E, se non é así, convén lembrar que a realidade, como a auga fría da mañá, termina sempre colocando as cousas no seu sitio.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
La vivienda, el último fracaso
Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
Do realismo conservador
José Luis Fernández Carnicero
O PSOE de Ourense xoga con lume
Alfredo Conde
A TRIRITA
Fáltanos a capacidade de autocrítica dos ianquis
Lo último
CULTURA DE LAS CIVILIZACIONES
Ribadavia invita a descubrir su historia y el legado sefardí
CONECTANDO FRONTERAS
Galicia e Irlanda se conectan en una historia sin fronteras durante el OUFF