Fáltanos a capacidade de autocrítica dos ianquis

A TRIRITA

Publicado: 03 oct 2026 - 03:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Hailles, meu benquerido lector que tanto quero e necesito, hailles libros, poemas, cadros, películas e moitas outras cousas desa índole e aínda doutras que recoñezo como boas, mesmo como moi boas... pero que non me gustan nada, nadiña de nada. Nada. Non lle porei exemplos. Póñaos vostede que sabe ler, que sabe ver e escoitar tan ben ou millor ca mín. Non si?

Non? Pois xa vai sendo moito horas de que vaia aprendendo a facelo, a vida non lle está pra perder o tempo. Menos nestes días nos que tanta información, información tanta como a que deglutimos nas pantalliñas, nas grandes e nas pequenas, hai tempo que comezou a ser non sei se dicir nociva ou se tóxica. Élles o que ten o coñecido como o Poder Brando, é dicir, o poder transmisor da cultura. Veño de ver unha serie de televisión que me pareceu espléndida malia que aínda non teña deterxido se me gustou moito... ou non me gustou nada. Foille unha serie ianqui. Digo ianqui e non norteamericana porque norteamericanos sonlles tamén os canadenses e estes non se prodigan tanto.

Trátase, esta serie á que me refiro, dunha desas tramas entre bélica e de espionaxe, de relacións familiares ou de sentimentos relixiosos encontrados, esplendidamente reflectidos a través duns guións soberbios e dalgunhas interpretacións realmente maxistrais. Debeu custar unha pasta. Seguro que máis dun se ha preguntar cal ha ser o seu retorno. Isto do retorno élles un xeito de dicir o seu beneficio; ou sexa, cal é o beneficio do coñecido coma o Poder Brando.

Son dos que admiran a capacidade de autocrítica da cinematografía norteamericana, envéxolla e xa me gustaría que nós tivésemos unha capacidade semellante.

Algún debe ser. O rei francés Luis XIV obrigaba ós barcos que se cruzasen cos seus navíos a izar e arriar a súa bandeira tres veces consecutivas. Os diplomáticos doutras nacións deberían ter unha serie de actitudes cos seus e franceses e o imperialismo, militar diplomático e económico completouse co cultural de xeito que a Ilustración espallou polo mundo adiante unha serie de valores que, mal que ben, aínda resisten. Daquela e dende Francia se influía en todo .

Eu son dos que admiran a capacidade de autocrítica da cinematografía norteamericana, envéxolla e xa me gustaría que nós tivésemos unha capacidade semellante. Non a temos. Eles si que a teñen. Esta serie que de momento non cito polo seu nome pero á que me refiro sen medo nin vergonza, ven sendo un grandioso exemplo do retorno, do beneficio implícito que significa (recoñezamos que con todo dereito e lexitimidade) a expansión dunha serie de valores que nos afectan, facéndoo de xeito que nos converten a eles ou nos impulsan a rexeitalos, é dicir, empuxan á nosa sociedade a ser coma é a deles.

Seremos nós quen de reflectir algunha bendita vez as nosas contradicións? As nosas e comúns, non cada un a dos seus contrarios. Serémolo? De momento persistimos en reflectir as carencias alleas magnificando as accións e os pensamentos propios mentres furgamos nas carencias dos outros. Haberá nestes momentos entres nós, un cronista como houbo, como foi, Chaves Nogales? Lamentablemente, non o vexo; nin en Madrid, nin tampouco en Compostela, nin n’A Coruña, nin en Lugo, nin en Ourense ou Pontevedra. Síntoo e sei que máis prudente sería non recoñecelo de xeito tan ladino. Vainos máis a sátira, millor canto máis cruenta.

O mundo está a manifestar os mesmos prolegómenos que permitiron a Roger Martín du Gard escribir “Os Thibault”. Son os que precederon á Primeira Guerra Mundial e, por extensión, á Segunda Gran Guerra; mentres tanto, os ianquis producen unha serie como esta á que me estou a referir. Titulase “Lioness”. Nós non somos quen de producir non xa un relato equivalente que nos faga ver que estamos nas mesmas que precederon á mundialmente coñecida como Guerra Civil española. Non estamos, non o están os nosos representantes, nin o estamos nós, os seus representados, implicados no relato autocrítico que nos force a pensar no interese xeral de toda a cidadanía no seu conxunto e non nas nosas crenzas ideolóxicas relixiosamente entendidas. Ouh, aqueles anos da Transición! Onde foron? Onde quedaron? Ou é que nunca existiron senón tan só un breve soño? Deus, que amargo espertar, unha vez máis! E van xa...?

Contenido patrocinado

stats