Dolmens que buscan o ceo

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 04 jul 2026 - 07:45
A Mota da Meda, cun vértice xeodésico e o marco fronteirizo nº 31.
A Mota da Meda, cun vértice xeodésico e o marco fronteirizo nº 31.

Noutras ocasións téñolles contado que os dolmens, panteóns funerarios cuxa construción inician os primeiros campesiños neolíticos, edificáronse en sitios diversos, en orografías moi diferentes. Vémolos en zonas chairas, con pendentes topográficas case nulas. Tamén nas ladeiras dos montes e outeiros. En ocasións sinalan fondos de pequenos vales ou depresións, como as portelas, que soen conformar lugares claves de paso para os camiños, facilitando o transito viario. E, como non, os que coroan os cumios dos montes, en posicións destacadas sobre os entornos que os rodean, sobresaíndo na paisaxe. Pero tamén ocorre que os tipos de emprazamento orográfico escollido para edificar estes monumentos, teñen unha representación numérica desigual. Tomando como referencia os que anos atrás estudamos na comarca da Baixa Limia, que supera o número de douscentos, os máis numerosos edificáronse en chairas, case a metade dos megálitos, mentres que outros, caso das erixidas nos cumios, son moito menos representativas, sen que cheguen ao 15%.

Pero entre todos os monumentos construídos nos cumios dos montes, destacamos un moi especial. Atopámolo seguindo a raia fronteiriza da serra de Leboreiro e denomínase nestas paraxes arraiáns Mota da Meda, tamén catalogado como mámoa M1 da necrópole de Serra das Motas. Actúa como límite entre os termos municipais de Lobeira, en Ourense, e Castro Laboreiro en Portugal. Tal é a posición do monumento que sobre el instalouse un vértice xeodésico, xunto co marco divisorio fronteirizo n.º 31 entre España e Portugal. O megálito desfruta dun emprazamento impresionante, sobre o cumio dunha das maiores elevacións desta serra na provincia de Ourense, o Cabezo da Meda, con 1.319 m de altitude. Ademais forma parte da necrópole de Serra da Motas, se ben estes criterios de agrupación non sempre son totalmente obxectivos. A Mota da Meda foi escavada, xunto con outros dous monumentos do mesmo grupo, por Florentino Cuevillas a principios da década de 1920. Esta necrópole, con máis de dez megálitos, alíñase por divisorias de augas secundarias das abas da serra de Leboreiro, chegando case ata a aldea da Fraga, en Lobeira. O túmulo ou mámoa que cubre o recinto funerario dolménico conserva un tamaño que supera os 30 m de radio e acada case os 2 m de altura, cun volume que estimamos nuns 730 m³. Como referencia, quero indicar que a media volumétrica dos megálitos da Baixa Limia xira ao redor dos 190 m³, situándose o patrón máis recorrente entre 50 e 150 m³.

Nin que dicir que as dimensións da Mota da Meda, moi superiores á media da comarca, vense potenciadas polo impoñente emprazamento que elixiron os seus construtores -o emprazamento de cumio outorga unha “monumentalidade resaltada”-, lugar que a fai visible dende distancias moi afastadas. Ao respecto gústame lembrar a idea expresada polo catedrático de Prehistoria da Universidad de Oviedo Miguel Ángel de Blas Cortina, referíndose aos monumentos construídos en cumios elevados. Tomando como exemplo a necrópole megalítica de La Cobertoria na veciña Asturias, dicía que naquelas zonas de montaña, as elevacións máis prominentes podían ser lugares simbólicos de tránsito ao ámbito celeste, ao outro mundo. Iso é o parece sentirse cando observamos estes impoñentes monumentos megalíticos, cando avistamos a Mota de Meda na Baixa Limia, que nos vixía como un atento sentinela en canto advirte a nosa presenza.

Contenido patrocinado

stats