E seguimos entre perdidas e santas

A TIRITA

Publicado: 04 jul 2026 - 06:10
E seguimos entre perdidas e santas
E seguimos entre perdidas e santas | José Paz

Un recurso -dígamoslle conversacional- do que adoito botamos man é sinxelo e de poucas palabras. Adoito botamos man del en cada ocasión na que a realidade nos supera e os argumentos non flúen como sería de esperar. Véñolle dando voltas a esta impotencia, que padezo en cada oportunidade na que intento comprender a realidade na que vivo. Diría que o fai comigo, cando menos, a metade do país, uns de dereitas, de esquerda outros, pero todos superados por esa realidade na que a política parlamentaria parecería que só tivese por obxecto a discusión de quen é máis disto ou máis daquilo. Cada vez que intento describir tal situación véñenme á cabeza os recordos dalgúns recreos do meu bacharelato ourensán no campo de deportes chamado O Pompeo.

Ás veces, a algúns dábanos por subir ó muro, continuado nunha alambrada dende a que contemplábamos, asidos a ela, ó que sucedía alá embaixo na rúa do Vilar, pola que transitaban as velliñas que acudían a medio día a prazoliña da igrexa da Trinidade que estaba, que está, unha vez cruzada a rúa de García Mosquera, antes de que comezase o núcleo urbano e central da actividade laboral das traballadoras do sexo.

Xusto embaixo do Pompeo había algunha casa na que elas habitaban. Ás veces pelexábanse entre elas á luz do día, en plena rúa, de modo e maneira que chamaban moito a atención dos transeúntes. Algúns subiámonos ó muro de perpiaño esperando que se produciran os encontros nos que algunhas velliñas terzaban intentando axudar a que aquelas voces agudas se tranquilizasen e a paz invadise de novo a rúa. Vano intento.

Como demorasen no seu intento, logo de dez minutos as beatiñas semellaban ser o contrario do que as piruxas comezaban parecer. Aquelas eran unha perdidas, estas unhas santas que discutían profundas verdades sen necesidade de que ninguén viñera poñer orde nos seus debates. Escusado está advertir que as santas mulleres reais, vendo o cariz que tomara o seu proceder, saían a fume de carozo camiño da igrexa da Trinidade. Chegado o momento dos maiores alborotos, algún compañeiro intentaba explicalo botando man dunha frase que regresou a min hai nada por conta da lectura dun libro do que creo que xa lles falei o sábado pasado: “Isto non hai dios que o entenda”.

O libro aludido é o da rabina francesa Delphine Horvilleur titulado “Vivir con nuestros muertos”. Nel, seguindo esa teima dos xudeus de contar chistes de xudeus, cóntanos o que me envorcou na lembranza vivida no campo do Pompeo que, por certo, non sei se segue chamándose así. Da lembranza pasei á frase citada antes: Isto non hai deus que o entenda, que seica é tamén doutro chistiño xudeu, pero que a min váleme pra explicarme os debates parlamentarios actuais; neles, unhas veces eses papeis intercambiables das beatas e das traballadoras do amor, desempéñanos uns e outras veces outros, intercambiando os roles cunha ductilidade que arrepía.

Os debates recordan, tamén, as regueifas infantís: aquelas nas que sempre, unha das partes, acababa por dicir “pues mi papá es guardia”, logo de ser advertido da potente, da poderosa ocupación do proxenitor da parte contraria. O espectáculo actual é deprimente. Corrupción haina a fartar nas dúas grandes formacións políticas actuais e tamén nas formacións minoritarias. Non hai dios que o entenda. Poderemos resumir a situación botando man da consabida frase.

É inexplicable e diría que terrible porque provoca, por moi indesexable que sexa, a deriva da xente nova a considerar conveniente citar a condición e maila presenza do papá guardia; é dicir, da mao dura que o pacifique todo. Xa saben: “Con Franco viviamos millor”. Na rúa do Vilar, cando algún veciño acordaba chamar á Policía, pensa alguén que esta ía sentar a man nas velliñas, digámoslles bondadosas, por non dicir fisgonas, as mesmas que saíran por pés camiño da igrexa da Trinidade? Pra min, visto o visto e recordado, quen eran conducidas ó que un pouco desmedidamente se chamaba o cagarrón, adoitaban ser as mulleres novas con independencia do alboroto incrementado polas mulleres vellas. Quen son unhas e quen son outras na paisaxe política actual? Cada quen que arrime a brasa á súa sardiña.

Contenido patrocinado

stats