Os dolmens e o nacemento da historia

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 29 ago 2026 - 05:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O verán propicia a meditación. Os novos horizontes convidan a deixar voar a imaxinación sen máis ataduras que os anhelos de cada quen. Eu, nunha nova etapa vital, reflexiono sobre a profesión á que dediquei a vida laboral, a historia. Achegueime a ela dende a Arqueoloxía e con facetas varias: a docencia ocasional en varias universidades, a arqueoloxía empresarial e, na última etapa, na administración municipal. Iso si, sempre coa investigación no punto de mira.

Pero como humanos, seres pensantes, as preguntas que nos facemos nunca rematan. Dende cando temos interese ou necesitamos construír a nosa historia? Non me estou a referir ao comezo da historia como etapa da humanidade. Como saben, está acordado que o fin da prehistoria e o comezo da historia está na adopción da escritura, que polo xeral vai da man da eclosión do Estado e da vida urbana, o que os grandes historiadores denominaron Civilización. Se ben a escritura naceu en momentos e lugares diferentes do planeta, podemos tomar como referencia os mediados do IVº milenio a. C. en Mesopotamia. Pero non é iso o que agora interesa, se non cando os humanos comezan a ter consciencia da historia como tal.

O dolmen exhibe a memoria dos antepasados que se van enterrando nel o que, ademais de facernos sospeitar en crenzas dunha vida ultraterrena, está a propagar a consciencia, o significado dos antepasados, dos que antecederon aos vivos daquelas sociedades megalíticas.

Se partimos do mundo das crenzas, no dicir de F. Díez de Velasco a relixión é unha das formas máis poderosas de regular a adaptación aos ecosistemas, da súa conservación pactada, sacralizada. As sociedades de cazadores e recolectores prehistóricas anteriores das neolíticas, estaban formadas por escasos membros e por iso eran socialmente moi igualitarias, dotadas de escasos mecanismos coercitivos. Por iso a relixión, como diciamos, é unha das formas máis potentes de adaptación para preservar esa sorte de “despensa” que prove animais e froitos silvestres, e, en consecuencia, non debe ser alterada, rachando de paso o transcorrer do tempo. Eran rituais apoiados en mitos que, de forma maxistral, M. Eliade denominou “mito do eterno retorno”, baseados no tempo cíclico e non histórico. Pero o Neolítico, a capacidade de producir alimentos por medio da agricultura e a gandería -coa necesidade de transformar os ecosistemas naturais en leiras e pastos- crea, xunto co novo sistema económico, unha tamén nova ideoloxía, o modo de vida campesiño, que racha co anterior en todos os aspectos, incluída a idea do transcorrer do tempo.

Dadas as diferencias xeográficas e culturais no planeta, para seguir falando do asunto vaiamos ao noroeste da península ibérica, mellor coñecida para todos nós. Aquí as primeiras evidencias neolíticas xorden ao redor do 6000 BC, se ben de momento os xacementos son escasos. Pero na fase media do Neolítico xurde o Megalitismo, a construción masiva de dolmens que se expanden copiosamente por case todo o territorio, aproximadamente entre 4300-2500 BC. O dolmen é a tumba onde se van enterrado sucesivamente aqueles grupos neolíticos formados por unha familia extensa -avós, pais, fillos, xenros, noras, netos máis algúns achegados-, un panteón totalmente novidoso na historia porque por primeira vez, e en contraposición cos discretos rituais fúnebres dos cazadores, monumentalízase a morte. O dolmen exhibe a memoria dos antepasados que se van enterrando nel o que, ademais de facernos sospeitar en crenzas dunha vida ultraterrena, está a propagar a consciencia, o significado dos antepasados, dos que antecederon aos vivos daquelas sociedades megalíticas.

Así, as crenzas -a relixión?- daqueles primeiros campesiños, están a concibir un transcorrer do tempo que une pasado e presente nunha secuencia ininterrompida, sen solución de continuidade, entre antepasados, vivos e as xeracións por nacer, que tamén se enterrarán no dolmen, un monumento arquitectónico con vocación de permanencia, de futuro. Deste modo, case poderiamos dicir que instrumentalizando aos antepasados por medio do ritual megalítico, a maiores do uso das tumbas como marcas territoriais de propiedade como ben dicían C. Renfrew ou A. Fleming, o megálito, por primeira vez, simboliza a historia mesma da comunidade, o transcorrer consciente, intencionado, do tempo monumentalizado en pedra. No sería arriscado pensar que, neste territorio do noroeste, o dolmen podería ser a materialización simbólica e primeira evidencia arqueolóxica coñecida da consciencia da propia historia dun grupo humano.

Contenido patrocinado

stats