Maribel Outeiriño
TRIBUNA
Recordando la inolvidable labor de Don Xesús Ferro Couselo hizo por Ourense
Ás veces lendo as esquelas queda un pampo. Tal me aconteceu onte vendo en La Región a de don Albino. Para os ourensáns da miña xeración, don Albino era don Albino Núñez (Rodríguez), o catedrático de xeografía e historia e directivo do Instituto Masculino, fillo á súa vez doutro don Albino Núñez (Domínguez), -o da xeración de meus pais e avós- mestre, pedagogo e escritor progresista de antes e despois da guerra. Se a min cando empecei a dar clases nos Salesianos me chamaban “Espinete” polo, daquela, pelo de punta e logo, ascendín simplemente a “o Monxardín”, el sempre viu o seu nome precedido do don, como moitos profesores daquela época e no precisaba de apelido (penso en don Magín, don Lino e don Claudio, do Curros Enríquez). E tal mostra de respecto era gañada a pulso con traballo, esforzo e seriedade, e reforzada polo consenso familiar sobre a importancia do labor e a profesionalidade dos que dedicaban a súa vida a axudalos na formación e educación dos seus fillos. Si. Inda hoxe cando nos encontramos os compañeiros daquela época, non lles apeamos cadanseu don.
E quedei pampo, como lles dicía, porque o domingo pasado pola mañá estivemos de parrafeo un cuarto de hora, xusto enfronte do Pavillón de deportes, cando me dirixía eu á presentación da revista “Nós, xente do redor” en Albor, no Couto, -por iso cheguei tarde- e viña el de dar un paseo pola beira do río. E despois de darlle unha volta ao mundo -el era, sempre foi, de opinar sen filtros, e eu moitos, tampouco teño- despedímonos e quedei eu cismando no ben que se conservaba -víao coma sempre- e en que xa debía andar polos noventa ou noventa e un anos.
Gustáballe falar, escoitarse e escoitarnos. Eran tempos movidos de transición política e de avolta vida cidadá
Por iso agora, claro, véñenseme á cabeza unhas cantas lembranzas. Unhas, como discente, como alumno del, alá no instituto da ponte por volta da primeira metade da década dos setenta. Si, tivemos sorte con bos profesores de Xeografía e Historía, por iso seguimos moitos ese camiño. A señorita Usoz, leonesa, señorita e filla, seica, dun alcalde de León; Ángeles Castro, extravertida e próxima, felizmente entre nós; e don Albino, serio, profesional, aberto. Lémbroo, por exemplo, no COU do 1975 -76. Sempre, como debe ser, nos trataba de vostede; unha forma de considerarnos. E deixábanos falar. Animábanos a falar porque lle concedía unha importancia enorme á comunicación oral e á reflexión persoal. Gustáballe falar, escoitarse e escoitarnos. Eran tempos movidos de transición política e de avolta vida cidadá. El estaba na Xunta Democrática e tivera unha destacadísima actuación na histórica e famosa mesa redonda da Celulosa celebrada nos Salesianos o serán do 13 de febreiro de 1975, a primeira vez que lle oín falar de “la hoya de Ourense”. Desa época, lémbroo, tamén, dicíndonos, con cara sorrinte e preocupada e seria ao tempo, a todos os congregados para entrar no instituto, o día 20 de novembro de 1975, que se suspendían as clases ata novo aviso. Lémbroo despois de Delegado de Educación, e logo de exemplar compañeiro no IES As Lagoas, a inicios deste século, cando case me daba vergoña, ser director eu do centro estando el alí, que fora o meu director, sendo eu alumno seu.
E don Albino Núñez (Domínguez), moito debeu facer ben na educación, tamén na casa, cando tivo por fillos a noso don Albino, pero tamén a Manuel Núñez, catedrático emérito da Universidade de Santiago, especialista en arte prerrománica; e a Carlos, o comprometido publicista, que segue vivindo en Vigo. E a paixón pola actividade, o progreso e a música pasa, desde o avó, polos país aos netos: ambos Carlos Núñez, frauta clásica e docencia e mundo editorial, no caso do fillo de Albino; gaita e espectáculo no caso do fillo de Carlos... E Olalla, a activísima profesora de Música, a irmá de Carlos, o fillo de Albino.
A todos eles, unha aperta. Foi unha vida chea, longa, a de Don Albino. Coa satisfacción de que a saga segue. No medio da inevitable dor de arestora, para estar satisfeitos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Maribel Outeiriño
TRIBUNA
Recordando la inolvidable labor de Don Xesús Ferro Couselo hizo por Ourense
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
“Todo lo contrario a la medicina"
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
El cedro de la alameda del Concello
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
El cohete y la pluma
Lo último
VISTO PARA SENTENCIA
El fiscal pide cinco años de cárcel por un robo tránsfobo
BÁSQUET CORUÑA
El derbi más difícil de la historia para el COB
CONCURSO FOTOGRÁFICO
La Región premia las mejores fotografías en el Día del Padre
"EFECTO FRONTERA"
La Raia ya no surte igual tras el descuento al combustible en Portugal