Don Quixote devoto do mencía

Publicado: 12 oct 2016 - 11:05

Oh! leal Sancho, pensei eu que nestas celestiais terras da Ribeira Sacra nos iamos librar de entrar en máis combates pero non vai ser desta guisa, senon ó contrario, nobre escudeiro, vai ser mester enfundar ben o xelmo e protexer o máis posible as nosas cabalerías porque o sangue corre arriba e abaixo polos camiños, sinal de que nos agarda unha desventura cunha vil criatura.

-Pois esta xente de por aquí semella pacífica e xenerosa, que renegan de vivir entre loitas e desputas; pero élle ben certo, "a procesión vai por dentro" e "as aparencias enganan".

-Sanguinario, Sancho, sanguinario é , desafiante e facineroso, o inimigo ó que debemos vencer. Buscar habemos raudos e veloces a quen fixo tanto dano.

-En menos que canta un galo, meu nobre fidalgo, hei averiguar quen fixo brotar este sangue. Nun suspiro volvo, máis rápido que as lebres, máis có vento, como o "fume do pensamento"…

-Deixar debes as prédicas, leal amigo, e parte xa na busca e captura de información que outra vez verá a xente xusta aplicar a xustiza e a boa restablecer a bondade. Bule, Sancho, bule!Que se vexo que tardas. Hei comezar eu só e sen tardanza esta fazaña.

-Xa fun e volvín, coma unha centella, e xa conseguín saber canto temos que saber, que como vuesa mercede di, sempre é bo, aínda que non sexa todo o que debemos saber, que a veces fai máis mal ca ben, pero saber o que non temos que saber tamén é saber…

-Sancho deixa ese credo para outro momento. Non ves que o tempo apremia? Dicirme has o nome do enemigo que xa estamos tardando en derrubar.

-Garnacha.

-O Cabaleiro Garnacha. Xa o nome indica a súa natureza descarnada e insumisa de feroz proceder. Vil Garnacha, tés os teus días contados! Prepara o rucio, Sancho.

-Detéñase , Don Quixote, que aínda lle vai pasar coma cos odres do libro ó confundir o viño co sangue. Garnacha é un tipo de uva que por onde vai deixa o seu sinal encarnado e esta xentiña anda facendo a vendima.

-Os encantadores queren unha vez máis confundirte, Sancho, e non ves o que é real e palpable.

-Desmonte do cabalo, deixe o xelmo e a lanza e sente aquí onda min que de paso que fun investigar quen era o cruel asasino, trouxen dous racimos de uva mencía que saben a gloria.

-Sancho, como ben dis é bo saber as cousas e compartir estes suculentos manxares, máis que nada pola hidratación.

-Claro que si, vuesa mercede, estes acios devólvenlle o brillo á súa pel, que con tanta batalla e combate semellaba unha uva… pero pasa.

-Ai, Sancho, o malvado Garnacha resultou ser Santa Mencía!

-Mesmo dá gusto velo comer, nesta doce liorta, e pingarlle o zume destas esencias sanadoras. Xa lle teño dito que "non hai mal que por ben non veña".

-Sabio refrán, leal escudeiro. Sabio refrán.

-Incrible me parece , abofé, que acepte esta miña teima e abuso do refraneiro, Don Quixote. Bautizada sexa como "Santa Mencía" esta uva , si señor, pois o primeiro milagre xa o obrou con vuesa mercede.

Contenido patrocinado

stats