Antonio Casado
Trump nos confunde
TRIBUNA
Atopámonos nun momento excepcional para a nosa cultura, desde que o pasado 17 de decembro todos os grupos políticos representados na Cámara galega subscribiron, por unanimidade, unha declaración institucional que declaraba o ano 2026 como Ano Oteriano, para conmemorar o 50 aniversario do pasamento de Don Ramón Otero Pedrayo e o centenario da súa mítica Guía de Galicia, obra admirable e non superada aínda pola súa visión da paisaxe.
Como presidente do Parlamento e como ourensán, atrévome a dicir que foi un día histórico, onde todos e todas acordamos arredor da figura de Don Ramón.
É o recoñecemento xusto dun país que tanto lle debe ao seu Patriarca, a quen foi, sen ningunha dúbida, unha figura clave que soubo vincular o galeguismo coa defensa dunha cultura universal desde a súa amada Trasalba.
Foi o maxisterio de Otero Pedrayo e o de tantos outros galeguistas o que serviu de alicerce para edificar a Galicia actual, e continúa servindo de inspiración para cantos nos esforzamos en avanzar na procura dunha Galicia mellor.
Celebrar este Ano Oteriano en 2026 é, polo tanto, un acto de xustiza e de gratitude.
Persoalmente, para min, que nacín nunha familia que profesou sempre unha devota admiración pola figura monumental de Ramón Otero Pedrayo, esta celebración resulta, se cabe, aínda máis emocionante.
Porque Otero Pedrayo traballou toda a súa vida para dotar Galicia das súas propias institucións de autogoberno
Aínda recordo, como se fose onte, cando, sendo eu un mozote que se dispoñía a elixir o seu futuro académico, acudín con meu pai a Trasalba a visitar a Don Ramón para lle pedir consello. O vello patriarca, home de infinita sabenza, era perfectamente consciente de que non podía decidir por min, e limitouse a me trasladar dúas recomendacións: que aprendese a tocar a gaita (aínda hoxe unha materia pendente) e que nunca deixase de falar galego, encomenda que cumprirei gustoso ata a fin dos meus días.
Sinto mágoa porque Don Ramón falecese antes de que Galicia se dotase seu propio sistema institucional, cun Parlamento e un Goberno de seu como os que temos agora. Porque Otero Pedrayo traballou toda a súa vida para dotar Galicia das súas propias institucións de autogoberno. Mágoa porque Don Ramón non vise os froitos do seu traballo e o de todos os galeguistas históricos que antes da transición sementaron o xerme do galeguismo e defenderon, contra vento e marea, a identidade de Galicia, a nosa cultura e a nosa lingua.
Teño para min que o Estatuto do 36 non tería sido tal sen a conciencia galeguista espallada por Otero, xunto con outros ilustres, empregándose a fondo nos traballos e na campaña previa ao plebiscito.
Galicia foi quen de elaborar e aprobar un Estatuto de Autonomía de seu. O pasado luns 6 de abril cumpríronse 45 anos da promulgación do noso Estatuto de Autonomía. Grazas a ese Estatuto, Galicia ten un Parlamento de seu do que este ano celebramos o 45 aniversario, e exerce unha elevada capacidade de autogoberno.
Sexa pola súa condición de patriarca das letras galegas, nas que cultivou practicamente todos os xéneros, pola súa cultura enciclopédica, pola súa condición de orador brillante, polo seu galeguismo comprometido ou pola súa inquebrantable honestidade persoal, calquera galego ten en Otero Pedrayo un modelo de comportamento que cómpre ter permanentemente presente.
Foi sempre, e continuará a selo, un modelo de conduta para todas as xeracións, ou, como dixera o benquerido Ramón Piñeiro, unha persoa «elegantemente inamovible nas súas lealdades».
Grazas, Don Ramón, polo seu exemplo e pola súa inspiración.
Dicía Otero que “Galicia é unha obra de todos e de cada xeración”. Desa obra monumental que segue a medrar vizosa, el foi, abofé, un dos grandes arquitectos que contribuíu á construción da identidade galega contemporánea coas súas letras e o seu pensamento
Convido desde aquí todos os galegos e galegas, e todos os que se queiran sumar, a participaren das actividades deste ano e a percorreren Galicia coa mirada que Don Ramón nos legou: unha mirada chea de curiosidade, de respecto e, sobre todo, de profundo orgullo por sermos herdeiros da súa palabra e do seu pensamento.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este domingo, 12 de abril
Lalo Pavón
O AFIADOR
Ás máquinas e a tomadura de pelo
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: domingo, 12 de abril