A dor e razón

Publicado: 28 jun 2025 - 02:10

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

A apocalíptica reacción do goberno de Netanyahu ante a agresión de Hamás do día 7 de outubro de 2023 resúltame tan comprensible –hai que facer o posible para recuperar aos reféns e neutralizar para sempre os culpables- como abominable, pois non se pode arrasar unha terra e abonar con milleiros de mortos o odio por varias xeracións. O número de baixas civís, a pesar dos esforzos que poida facer o atacante, é radicalmente inasumible. Non son só un crime, senón un erro para a consecución dun camiño de paz. E a razón non é un ben absoluto e inmutable, e pode un acabar perdéndoa. Netanyahu, outrora patrocinador de Hamás contra o poder da Autoridade Nacional Palestina, como gobernante que se aferra ao poder, é capaz de calquera cousa, para manterse no machiño, e tentar que esquezamos aquel patrocinio e outras miserias, como o tratar de controlar o poder xudicial, que tanto revolveu á sociedade israelí, os meses previos ao masacre do 7 outubro. Pero neste momento Netanyahu e Hamás contan con cadanseus apoios de boa parte de israelís e palestinos, pois os gobernos metidos en guerras, adoitan, como mamíferos gregarios e territoriais que somos, atraen un fluxo extra de simpatía dos seus. E igual pasa no actual conflito entre Israel e Irán, por mor do ataque preventivo en favor da propia supervivencia do estado xudeu.

Dito isto, dor e razón son cousas ben distintas. Unha non dá outra. Entre as poboacións civís que máis sufriron na II Guerra Mundial están, claro, Xapón e Alemaña. Nesa guerra morreron 1,2 millóns de soldados nipóns pero houbo outros 2,4 millóns entre desaparecidos e mortos civís, incluídos os das bombas atómicas de Hiroshima e Nagasaki e o bombardeo incendiario de Tokio, con 200.000 mortos. En Alemaña, si, morreron uns 6 millóns de soldados pero, tamén, varios millóns polos bombardeos aliados -Dresde sempre na memoria da infamia, cos seus corenta mil mortos- e as violentas expulsións dos territorios alemáns do leste, perdidos na guerra. Por non falar dos dous millóns de mulleres violadas polos soldados do Exército Vermello, o que deu lugar a unha onda de ducias de miles de suicidios.

O sufrimento dos aliados occidentais, foi moito menor. Estados Unidos perdeu, si, uns 400.000 soldados, pero só 63 civís: 58 no bombardeo de Pearl Harbour e cinco máis, uns nenos que fedellaban nunha bomba dun globo aerostático xaponés enganchado nunha árbore, en Oregón. Por parte inglesa, morreron uns 280.000 soldados pero “só”, 29.890 civís nos bombardeos de Londres.

Claro está, pois, que na II Guerra Mundial, o sufrimento dos cidadáns alemáns e xaponeses foi inconmensurablemente maior có dos aliados, fóra Rusia. Pero iso non lles deu a razón na historia. E houbo, si, debate previo nas chancelerías. Os aliados discutiron ao principio sobre se “bombardeos de obxectivo” ou de “área”. Pero despois dos ataques sobre Londres, decidíronse a arrasar “áreas enteiras”, como nos bombardeos que deixaron Berlín laminado como Gaza entre febreiro e abril de 1945, coas ducias de miles de mortos civís. Os obxectivos non eran xa só militares senón sobre todo minar as vontades e os lazos que unían aos dirixentes co pobo alemán. Tiveron éxito? Desde logo achanzaron o camiño á destrución da ideoloxía nazi indicando onde os levara a tolemia colectiva. O bombardeo de Gaza, como área, non sei como acabará. De momento erosionou boa parte da simpatía pola causa israelí. Os “bombardeos de obxectivo” como os de Irán, deben achanzar o camiño da paz en Oriente medio, aínda que de partida pareza difícil, pois son máis asumibles. Pero para esa paz, cómpren novos actores e novas visións en todas partes, Israel, Palestina e Irán. Empezar pola liberación incondicional dos reféns e cese dos bombardeos en Gaza, non era mala cousa, non.

Contenido patrocinado

stats