Eddington

¡Buone visioni!

Publicado: 12 sep 2025 - 06:10

Eddington
Eddington

Estréase nas salas de cine esta fin de semana, Eddington, a última longametraxe de Ari Aster. Presentouse na sección principal no Festival de Cannes sen alzarse con ningún premio. A fría acollida por parte da crítica deixou desconcertados incluso os que no seu día defenderon a Beau tiene miedo (2023), a súa última indescifrable, surreliasta e, quizais, algo repetitiva, anterior longametraxe. Definitivamente o cineasta coñecido por Midsommar (2019) e Hereditary (2018), decidiu deixar atrás o ‘terror elevado’ e o folk horror explotado nestes primeiros filmes para explorar outros territorios narrativos. Neste camiño de descuberta creativa que emprendeu, aparentemente sen rumbo, atopámonos nós, espectadores e críticos, disfrutando máis ou menos deste proceso.

A nivel persoal, atópome bastante a gusto con esta proposta tan libre que o cineasta expón con Eddington. É un filme complexo, fronteirizo, cunha narrativa desilachada, un western que dialoga co policiaco, unha sátira negra e un profundo drama psicolóxico. É un conto local e universal á vez e un pesadelo tremendamente real.

O nome do filme é o dun pequeno pobo de Novo México e a acción transcorre durante a pandemia do 2020. Un enfrontamento entre o shérif (Joaquin Phoenix) e o alcalde (Pedro Pascal) desata o caos entre os veciños que comezan a enfrontarse entre eles…

Eddington ofrece unha instantánea dos Estados Unidos na época do covid. A pequena comunidade de Novo México é un microcosmos que funciona como un espello. O escenario contén as sementes da mitoloxía americana, os elementos culturais propios do País relacionados coa épica do oeste. Aster sérvese do covid como detonante dun conflito subxacente entre os representantes das institucións, o shérif e o alcalde, que teñen opostas posturas sobre os protocolos que hai que seguir en resposta ao coronavirus.

Joaquin Phoenix interpreta a un shérif ignorante e patético, un personaxe alienado ao igual que estrañamente magnético. Un home sen rumbo, pero reflexo dunha sociedade enferma e perdida. Todos os personaxes deste filme está excedidos, viven nun microcosmos alimentado polos bulos, as tramas cospiranoides, o medo e as armas. Un mundo onde a meritocracia e o soño americano caen en picado ao baleiro como os búfalos que protagonizan o primeiro póster da película.

Ari Aster fai unha sátira bastante feroz e por moitos momentos alarmante sobre a sociedade estadounidense. Faino reflectindo un absurdo que acompaña cada movementos e uns personaxes ao límite, uns individuos que non saben distinguir as ameazas reais e as paranoias.

Eddington é un filme moi ben interpretado e cunha fotografía impecable. Testemuña a progresión creativa dun cineasta en continua evolución e que pode regalarnos sorpresas aínda moi grandes no futuro.

Contenido patrocinado

stats