La Región
El derecho a morir
DIARIOS DO PASADO
A mitoloxía grega legounos o fermoso mito de Perséfone. O relato conta que a deusa, filla de Démeter e do mesmísimo Zeus, foi raptada por Hades, deus do inframundo infernal, para convertela na súa esposa. Ante a ausencia de Perséfone a terra entristeceuse, tanto que deixou de dar froitos. Zeus, entón, acordou que Perséfone pasase medio ano -outono e inverno- no inframundo con Hades, e a outra metade -primavera e verán- coa súa nai, na terra, devolvéndolle á natureza a fertilidade perdida. É, como ven, a explicación mitolóxica grega da orixe das estacións. Tal fenómeno astronómico que ten que ver co grao de inclinación do eixo do noso planeta, foi esencial para a humanidade, posto que incide nas condicións ambientais climáticas e no ciclo reprodutivo das plantas, substancial para as comunidades agrícolas. No hemisferio norte caracterízase polo renacemento da vexetación. Outra característica ten que ver coa duración do día e da noite. Os inicios da primavera e do outono chámanse equinoccios. O termo -complementario dos solsticios, que marcan o comezo do verán e do inverno- provén do latín “aequinoctium”, é dicir, que dura o mesmo ou que é igual -”aequus”- a noite -”noctis”- que o día. E onte, 20 de marzo, tivo lugar o equinoccio astronómico de primavera, que deu paso á nova estación.
Onte, 20 de marzo, tivo lugar o equinoccio astronómico de primavera, que deu paso á nova estación
A Arqueoastronomía, disciplina científica que estuda a relación das antigas culturas coa Astronomía, cos fenómenos celestes, ofrece numerosas evidencias sobre construcións prehistóricas e históricas cuxas orientacións foron condicionadas por fenómenos astrais. Estudando as orientacións de tumbas e templos, constátanse amañeceres equinocciais que parecen indicar que formaron parte de vellos rituais. Se ben en moitas ocasións lles teño contado que os dolmens do noroeste hispánico dos que sabemos a orientación parecen mirar, sobre todo, o amencer no solsticio de inverno, noutros non foi así. O gran dolmen de corredor de Soto de Trigueros, Huelva, parece que foi edificado de forma que os primeiros raios de sol equinoccial, na primavera e no outono, penetran polo pasadizo de acceso e se proxectan no interior da cámara funeraria durante uns minutos. Orientación semellante parece ter o crómlech de Totanés, Toledo, aliñado co amencer e ocaso equinocciais, fenómeno que fai sospeitar aos investigadores da súa función como calendario, especialmente útil para as sociedades agrarias. Outro xacemento diferente, pero moi significativo para o asunto do que hoxe escribimos, é o oppidum -poboado fortificado- ibérico de Puente Tablas, en Jaén. Na estrutura chamada “Puerta del Sol”, os primeiros raios solares do equinoccio pasaban polo centro da porta para alumar a figura dunha deusa, unha estela con forma esquemática humana datada no s. V a. C. Íaa iluminando da cabeza aos pés, ata que a sombra de propia porta a facía desaparecer simbolicamente de novo cando a luz solar deixaba de incidir nela.
Púxenlles algúns exemplos célebres de posibles rituais relacionados cos equinoccios na Prehistoria e Idade Antiga. Pero hai outros moi próximos: a capela prerrománica de San Miguel, Celanova, é atravesada lonxitudinalmente polo sol equinoccial de outono, como ven na imaxe que me facilitou Antonio Piñeiro, colaborador deste xornal. E aí está o tempo litúrxico da Semana Santa, xa ás portas, unha festividade móbil que ven marcada, nada menos, que pola primeira lúa chea que se produce tras o equinoccio da primavera.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
El derecho a morir
Manuel Herminio Iglesias
DENDE SEIXO-ALBO
Todo por Ourense?
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Cadaquén, da súa casa
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
El desembarco de Simón
Lo último
DISEÑO LOCAL
La solidaridad está de moda en Allariz
NACIONAL SUB-18
Dos oros nacionales para el atletismo ourensano
ACTIVISTA IRANÍ
Los nobel exigen liberar a Narges Mohammadi