Escavacións arqueolóxicas nas orixes de Ourense: a praza da Madalena

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 17 ene 2026 - 06:10
Esquina da praza da Madalena onde se realizaron as escavacións.
Esquina da praza da Madalena onde se realizaron as escavacións.

Como ben saben, a historia apoiase sobre todo na interpretación de antigos documentos, mentres que a arqueoloxía faino dende os vestixios materiais do pasado que se conservan. Para cidade de Ourense, agás incertas referencias, os primeiros testemuños escritos fiables conducen ao s. VI, nas orixes do medievo, datas moi recentes na historia. Debemos entón acudir ás escavacións arqueolóxicas, iniciadas na década do 1980 grazas á declaración de conxunto histórico artístico en 1975 e logo, avanzada a de 1990, intensificadas a partir da aprobación do plan especial para a cidade histórica, o PERI. Todas as intervencións arqueolóxicas son esenciais para ir coñecendo o primeiro asentamento permanente en Ourense, o que de momento parece ocorrer na etapa romana. As escavacións efectuadas van delimitando un espazo que, como tantas veces lles teño contado, iría dende a praza da Madalena ata As Burgas, e dende ambos ata o Posío, e a ocupación máis antiga deste sector remontaría á segunda metade do s. I d.C., aproximadamente cando os emperadores flavios dirixían o destino de Roma. Por que deducimos tales propostas? Sobre todo porque, sendo todas as escavacións importantes para reconstruír o noso pasado, un grupo -A Madalena, o Museo Arqueolóxico, As Burgas, O Pompeo e O Posío- da unha información primordial, dado que se localizan nos puntos extremos do asentamento romano, seguramente delimitándoo de norte a sur de de leste a oeste, e porque a maioría coincide coas datas que antes avanzaba, a segunda metade do s. I d.C.

Debemos entón acudir ás escavacións arqueolóxicas, iniciadas na década do 1980 grazas á declaración de conxunto histórico artístico en 1975 e logo, avanzada a de 1990

Por iso creo importante volver sobre cada unha destas intervencións arqueolóxicas para coñecer os asentamentos mais antigos que atesoura o subsolo da nosa cidade. Organizarémolas por sectores e salientando o labor dos excelentes profesionais que as levaron a cabo. Comezamos pola praza da Madalena, escavada no ano 1983 baixo a dirección de F. Espino e L. Orero. Os traballos están publicados nun breve traballo de 1991, “Estudio dos materiais arqueolóxicos da Praza da Madalena (Ourense)”. Alí constatáronse restos de época romana que parecen remontar ao s. I d. C., ata a actualidade. De feito, incluso dicía O. Gallego que entre 1795 e 1803 foron enterrados vinte e oito cregos de distintas zonas de Francia que viñan fuxindo da Revolución Francesa. Pero volvamos á antigüidade. Os primeiros niveis de ocupación, da etapa romana apareceron baixo os cemiterios medieval e tardorromano, xunto cun pozo con materiais arqueolóxicos tamén romanos. Destaca un muro que, pola súa boa calidade, puidera formar parte dun edificio público ou, cando menos, de certo nivel ou rango, edificación que non se puido datar. Quizais deberiamos relacionar os achados deste entorno cos dous capiteis corintios depositados no Museo Arqueolóxico e datados polo profesor J. Á. Domingo nos ss. III-IV d.C. A eles deberiamos quizais sumar tamén as columnas e capiteis da igrexa de Santa María Nai, tradicionalmente asociados co templo suevo de Carriaco, elementos que segundo diciamos en anteriores ocasións, seguramente son tamén tardorromanos.

A Madalena sería, xunto co solar do Museo Arqueolóxico -que veremos noutra ocasión-, un grupo de restos romanos con probables inicios na época flavia. Representaría o límite norte do asentamento romano que as intervencións arqueolóxicas van definindo en Ourense. Continuaremos con outras escavacións.

Contenido patrocinado

stats