Afonso Vázquez-Monxardín
Un fío de pedra e palabra: Feijóo, Lamas e Otero
DIARIOS DO PASADO
O Museo Arqueolóxico leva demasiados anos pechado. As xeracións de finais da década de 1990 sempre o lembran así, desafortunada carencia para os ourensáns e para os que nos visitan. O edificio, antes pazo episcopal erixido no século XII, agacha como veremos importantes vestixios para cidade. A vantaxe que podemos sacar da súa escourálica reforma son as escavacións arqueolóxicas que se levan efectuado como cautela previa e simultánea das obras. En efecto, as primeiras foron dirixidas por F. Fariña Busto, entón director da institución, durante varias campañas desenvolvidas nos anos 2000, 2002, 2003 e 2007. Posteriormente E.B. Nieto retomounas a partires de 2016.
O Museo e a Madalena agachan as únicas evidencias de asentamento romano continuo
Nas primeiras intervencións, no soportal do edificio descubríronse numerosas tellas romanas -tégulas-, un perpiaño almofadado e varios fragmentos de cerámica de mesa -sixilata- da etapa dos emperadores flavios, é dicir, da segunda metade do s. I d. C. Ademais, aparecera un tesouriño de moedas datado entre os anos 328 e 360 d. C.. Noutros lugares do subsolo do edificio exhumáronse numerosas tégulas e tixolos, sixilatas e algunhas teselas xunto con máis perpiaños almofadados. Destacan dous altares votivos ou aras. Unha, descuberta no xardín do pazo por Ferro Couselo, foi dedicada a Xúpiter, -Ivpiter Optimo Maximo- coa inscrición “I.O.M. / CCR/ VS”. A outra, reaproveitada formando parte dunha parede barroca do edificio, conserva un texto de difícil lectura e interpretación, seguramente “ .../... /... /...AECVS /...VERVS/...S.L.M.”. As dúas poderían datarse entre os ss. I e III d. C. Aínda que apareceron varias construcións ás que polo momento non se lles pode atribuír unha función clara, as escavacións dos últimos anos constatan unha intensa ocupación romana deste solar, cun asentamento que se estende entre os ss. I e V d. C. É interesante a cimentación dun edificio monumental correspondente aos ss. III-V d. C., que podería lembrar o atopado na praza da Madalena. Se temos tamén en conta que existen outros perpiaños almofadados reutilizados na parede exterior que mira á rúa de Hernán Cortés, que a pouco que se fixen poden ver nesa mesma rúa, xunto cos outros do xardín e do portal que antes citabamos, poderiamos estar ante os restos dun edificio romano acaso público ou oficial, pero sen que poidamos ter unha idea clara do seu uso ou carácter. Tamén se localizou un forno de fundición metalúrxica. Como noutras zonas da cidade aquí tamén apareceron tumbas tardorromanas, unhas sepulturas de cabalete dos ss. III-V d. C. asociadas cos restos dunha construción octogonal, cunha posible función ritual cuxa planta pode lembrar aos baptisterios paleocristiáns.
O Museo e a Madalena agachan as únicas evidencias de asentamento romano continuo, sen solución de continuidade, que superan o regato das Burgas cara o norte - agás a excepcional construción illada baixo o convento de S. Francisco descuberta por E.B. Nieto- o que parece indicar que ambas escavacións sacaron á luz o ata agora debemos considerar como límite norte do núcleo romano, datado a partires da segunda metade do s. I d. C. É a mesma zona que no medievo experimentará un proceso que definirá o urbanismo histórico deste sector ata hoxe. Coa cristianización de topografía urbana asistimos á configuración dun núcleo preeminente dende a catedral ao pazo dos bispos: a “acrópole episcopal”. Continuaremos con máis escavacións.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PARA TODOS LOS PÚBLICOS
Teatro, música y magia en el Lauro Olmo hasta mayo
LA COMISIÓN DE FIESTAS
Sampaio anima a degustar cocido en carpa calefactada
CONVERSACIONES DE PAZ
Abu Dabi acoge los diálogos entre Rusia, EEUU y Ucrania