José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Escavacións arqueolóxicas nas orixes de Ourense: as Burgas
DIARIOS DO PASADO
Continuamos a serie de escritos coas principais escavacións arqueolóxicas que están a definir o primeiro asentamento de Ourense na época romana. Despois das colaboracións anteriores neste xornal sobre a praza da Madalena, o Museo Arqueolóxico, o solar Pompeo e o Posío, chegamos ás Burgas.
Saben que de aquí procede un dos achados máis icónicos para a historia da cidade: o altar -ara- que Calpurnia Abana Aeboso dedicou ás Ninfas das fontes no s. II d. C. Foi un descubrimento casual en 1802 na horta coñecida como “Casa da Tenencia”, moi próxima das surxencias. O achado é un dos principais soportes que sustentan a idea tan xeneralizada de que o primeiro asentamento romano en Ourense xurdiu xunto ás augas quentes e mineromedicinais. Tamén nelas e neste achado baseaba a súa teoría sobre nacemento da cidade o noso arqueólogo máis célebre, Florentino Cuevillas. Pero esta idea, sen restarlle importancia ao enclave termal no asentamento romano primixenio, que como veremos si a ten, foi matizada polo resto das escavacións realizadas ata o momento na cidade histórica, sobre todo as que vimos de citar nas primeiras liñas da presente colaboración.
Os resultados foron obxecto de varias publicacións. Quizais a máis difundida sexa “Las Burgas y los orígenes de Orense”
O enclave das Burgas foi obxecto de varias escavacións arqueolóxicas, intervencións que iremos vendo en sucesivos escritos, polo que na actualidade contamos cunha información bastante completa do lugar. A primeira escavación foi previa á remodelación que realizou o Concello de Ourense entre a Burga de Arriba e a de Abaixo, obra do arquitecto Xosé Manuel Casabella. Centrouse pois, no espazo existente entre as dúas fontes principais e foi dirixida polo arqueólogo A. Seara Carballo nos anos 1987 e 1988. Os resultados foron obxecto de varias publicacións. Quizais a máis difundida sexa “Las Burgas y los orígenes de Orense”, artigo publicado na coñecida “Revista de Arqueología” en 1989 polo citado director xunto co investigador e restaurador arqueolóxico C. Fernández Ibáñez. Como curiosidade, contarlles que o estrato arqueolóxico máis moderno, un recheo que colmataba o lugar, contiña numerosos fragmentos de cerámicas romanas e medievais. Con toda certeza foi traído no s. XIX doutros lugares -Pompeo ou Posío- para nivelar este entorno das Burgas, xa que orixinalmente era o fondo do leito -o talweg- do regato do mesmo nome, cun val hoxe colmatado e substituído por una condución pétrea. Transversalmente este val, esencial para a configuración histórica do urbanismo ourensán, practicamente chegaba dende a catedral ara a abadía da Trindade e, ao longo, dende as ladeiras do Montealegre ata o río Barbaña, onde desembocaba recollendo as escorrentas e as augas das Burgas. Volvendo sobre os niveis máis antigos, o primeiro asentamento romano descuberto durante estas escavacións foi datado entre mediados e finais do s. I d. C. e o último terzo do III. Desta etapa romana forma parte un muro de cachotería exhumado na parte traseira da Burga de Abaixo a cinco metros de profundidade e baixo a dita condución, o que en gran medida dificultou a escavación. Pero asociados cos restos desta edificación apareceron fragmentos de pezas de mosaico -teselas- e tixolos de entalle, que habitualmente forman parte de sistemas de calefacción romanos -hipocaustos-, ademais de cerámica fina de mesa -sixilata- e abundante cerámica doméstica.
Continuaremos con outras escavacións nas Burgas que completan a presente información.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Escavacións arqueolóxicas nas orixes de Ourense: as Burgas
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
La vida a remojo
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Olor a Brummel
Itxu Díaz
CRÓNICAS DE INVIERNO
A favor del derecho a reírse del reportero rosa
Lo último