Espartaco

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 21 ago 2026 - 23:59
Spartacus, portadas da novela e filme
Spartacus, portadas da novela e filme

Entre os anos 73 e 71 a. C., un escravo tracio -da terra balcánica situada ao norte do mar Exeo- atemorizaba a Roma encabezando unha rebelión que xa ía para dous anos. Era Espartaco, un gladiador mirmilón curtido na loita, co seu casco adornado co peixe “mormyros” -de aí o nome do púxil-, o “gladius” ou espada curta e o gran escudo dos lexionarios, contra outros combatentes nas areas dos anfiteatros. Seguramente é o escravo máis famoso da historia, precisamente por esta xesta bélica que liderou xunto con dous compañeiros de armas, Criso e Enomao. Durante dous longos anos encabezou un exército estimado entre 40.000 e 70.000 efectivos. Moitos eran campesiños descontentos, se ben nel se integraron numerosos gladiadores. Finalmente foron derrotados por tres exércitos lexionarios, o de Craso máis os reforzos das lexións de Pompeio e Lúculo, chegadas respectiva e apresuradamente de Hispania e Asia para axudar a Craso. Suponse que Espartaco morreu loitando na derradeira batalla do Río Silario. Nunca se encontrou o seu corpo.

Os gladiadores eran considerados parte dese ritual, e seguramente dotados dun prestixio e respecto que foron perdendo na medida en que o combate se convertía en espectáculo

O académico da Real Academia de la Historia J. Mª Blázquez e o historiador J. Cabrero apuntan varias causas que puideron detonar esta terceira sublevación ou Guerra Servil. Unha pode radicar no cambio de significado dos propios combates de gladiadores, os “numera gladiatoria”. Inicialmente estaban dotados dun fondo carácter simbólico, porque formaban parte de rituais relixiosos na honra dos defuntos. Documentados dende mediados do s. III a. C., se ben a tradición os remonta aos etruscos, os combates financiábanos os familiares dos defuntos, polo xeral de familias economicamente solventes. Os gladiadores eran considerados parte dese ritual, e seguramente dotados dun prestixio e respecto que foron perdendo na medida en que o combate se convertía en espectáculo. Iso ocorreu a finais do s. II, cando o Estado romano comezou a financiar un combate anual para mero divertimento do público. Outra causa pode estar nos conflitos civiles entre “optimates” e “populares” -as dúas facción políticas que recruecen os seus enfrontamentos no s. I a. C.- cunha guerra entre romanos que obriga a combater lexión contra lexión, incluso en Hispania, nas denominadas Guerras Sertorianas. Había ademais un conflito exterior que tamén ocupaba ao exército: a guerra contra Mitrídates VI do Ponto, reino helenístico situado ao nordés da Anatolia. Descoñecemos se os sublevados eran conscientes destes feitos, mais é certo que van coincidindo progresivamente no tempo creando un caldo de cultivo propicio para culminar na terceira rebelión, a máis significativa, e que introduce na historia a Espartaco.

Acaso a súa figura, icona no marxismo soviético durante a Guerra Fría, difundiuse entre nós pola novela de Howard Fast “Spartacus”, publicada en 1951, fundamento do filme de culto dirixido por Stanley Kubrick, estreado en 1960. A acción principal, de sobra coñecida, recrea a dita Terceira Guerra Servil se ben Roma, co sistema económico escravista característico da Idade Antiga, xa vivira outras dúas: a de Euno en Sicilia, entre 136 e 132 a. C. e, moi pouco despois, a de Aristónico na provincia de Asia, entre os anos 132 e 130 tamén a. C. Da existencia e guerra con Espartaco falaron escritores e historiadores gregos e romanos, como Plutarco, Apiano, Floro ou Varrón. Non quero omitir que o gran pianista de Jazz, Bill Evans, dedicoulle o tema “Spartacus Love Theme”. Escoitenno.

Contenido patrocinado

stats