O espello deformado do cinema

Publicado: 06 abr 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O ser humano é, por natureza, un ser profundamente contraditorio. Tan axiña critica con dureza como, ó pouco, se desfai en loanzas. Nun intre pode insultar e, no seguinte, suplicar ou admirar aquilo mesmo que antes desprezaba. Esta dualidade, case inherente á condición humana, reflíctese con especial claridade no ámbito cultural.

Non hai tantos anos, unha boa parte da sociedade renegaba do chamado “landismo”, da parella cómica Esteso e Pajares e das coñecidas españoladas. Considerábanse produtos de escaso valor, simples, vulgares e pouco dignos dunha cultura cinematográfica que aspirase a algo máis elevado. Porén, o paso do tempo semella ter cambiado pouco as cousas, ou tal vez as mudou para peor, pois agora asistimos a unha entrega masiva ó fenómeno coñecido como “torrentismo”.

Santiago Segura leva xa rodadas seis películas de Torrente, cun personaxe que encarna moitos dos valores que, en teoría, a sociedade actual di rexeitar: é racista, machista, corrupto, franquista, alcólico e dunha vulgaridade extrema. Trátase dun individuo basto, groseiro e chocalleiro, un compendio de todo aquilo que publicamente criticamos unha e outra vez. Realmente renegamos deses comportamentos ou simplemente finximos facelo?

O éxito comercial non sempre vai da man do valor artístico

Debo recoñecer que nunca vin unha película completa de Torrente. A simple visualización dun tráiler foi suficiente para afastarme delas. Aínda así, e malia escribir sobre o fenómeno, non agocho a miña antipatía tanto polo personaxe como polo seu creador. Non obstante, este texto non pretende ser unha crítica persoal nin un ataque directo, senón unha reflexión máis ampla.

O verdadeiro eixe deste relato reside na contradición cultural do noso país. Os filmes de Torrente baten récords de audiencia e enchen salas, a pesar de seren obras que dificilmente poden asociarse co concepto de calidade cinematográfica. Mentres tanto, grandes nomes do cinema español -como Saura, Buñuel, Bardem, Erice ou Bigas Luna- non aparecen nin sequera entre as 50 películas máis vistas.

Este dato resulta, cando menos, revelador. Non estamos a falar de figuras menores, senón de auténticos referentes da historia do cinema. A súa ausencia nas listas de maior audiencia pon de manifesto unha realidade incómoda: o éxito comercial non sempre vai da man do valor artístico.

Dito doutro xeito: máis que contradición, o que existe é unha preocupante pobreza cultural que se manifesta no que vemos, no que consumimos e, sobre todo, no que decidimos valorar.

Contenido patrocinado

stats