Itxu Díaz
EL ÁLAMO
Sánchez arrojó a los españoles al tren
Estamos en 2026, un ano no que “facemos parada” en Don Ramón Otero Pedrayo. Así o acordou o noso Parlamento o pasado dezasete de decembro. Tódolos grupos políticos aprobaron a declaración institucional -lida polo Presidente Miguel Santalices- de 2026 como “Ano Oteriano” con ocasión do cincuenta aniversario do pasamento do Patriarca das nosas letras e dos cen anos da publicación da súa “Guía de Galicia”.
Tamén hai un século, o oito de xullo de 1926, peregrinou a Santiago dende Ourense xunto con outros galeguistas –Xavier Pardo, Vicente Risco, Afonso Vázquez Monxardín, Lois Feixoo, Florentino López Cuevillas e Antón Sánchez- descubrindo coas botas nos pés o seu proprio país, percorrendo parroquias dos concellos de Ourense, Amoeiro, Maside, O Carballiño, O Irixo, Lalín, Silleda, A Estrada, Vedra, Teo e Compostela. Dende a Deputación contribuimos a recuperalo e poñelo en valor: “O camiño de Nós”. Velaí, dentro da súa polifacética e sorprendente creatividade, a súa faceta como guionista cinematográfico: en 1952, a petición de Suevia Films (a productora máis importante de España fundada en 1940 por Cesáreo González, orixinario de Nogueira de Ramuín) escribe “Camino de Santiago”.
O trinta de xaneiro de 1936, cúmprense nestes días noventa anos, Ramón Antonio Vicente Otero Pedrayo, na súa casa da rúa da Paz de Ourense, rematou a que sería a súa última novela escrita en galego antes da Guerra Civil : “O mesón dos ermos”
Foi Otero Pedrayo unha figura proverbial non sólo das letras e do pensamento, senón tamén da identidade galega contemporánea. Un verdadeiro polígrafo do saber, prolífico intelectual, catedrático, galeguista, ensaísta, fabuloso narrador e orador de novelas e de historias. Clave na “Xeración Nós” (así bautizamos a “Biblioteca do Estado de Ourense”), cunha vasta e profunda cultura, enlazando na súa obra Galicia con España e Europa e aportando sempre unha visión moderna e enciclopédica.
Tampouco deixemos de ter na memoria o seu humor e lucidez da súa última etapa na que solía comentar : “que non me fagan tantas homenaxes, que me deixen traballar”.
Formou parte do Ateneo Ourensán, participou na primeira Asamblea das Irmandades da Fala –con Risco, Losada e Noguerol-, foi responsable da sección de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e o seu derradeiro presidente, fundador e presidente do Partido Nazonalista Repubricán de Ourense, Deputado, fundador do Partido Galeguista e membro do seu consello executivo, fundador e presidente da editorial Galaxia, membro de número da Real Academia Galega, participou na fundación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento…a súa inxente obra literaria e científica –publicacións, conferencias, proxectos..- é un exemplo vencellando o galeguismo coa defensa da cultura universal, un circio compromiso coa nosa Terra.
Será sempre “o intelectual de Galicia”, abranguendo a súa sabiduría a autoría en campos como a historia –a súa especialidade académica-,a xeografía –catedrático-, etnografía, literatura(narrativa, ensaio, teatro), e a política. Para mín indispensables os quince capítulos de “Arredor de sí”, a biografía espiritual da Xeración Nós, publicada en 1930 cando Otero tiña corenta e dous aniños. Emocióname sempre abrir o volumen segundo da “Historia de Galiza”, monumental obra colectiva que dirixíu e coordinou, altar da historiografía galega, pois posúo un exemplar da súa primeira edición de 1962 (Buenos Aires, Editorial Nós).
Motor do galeguismo cultural e político, mestre e tertuliano de referencia, alumeando sempre ás novas xeracións. Non esquezamos a súa faceta como orador, que o situou tamén noutra dimensión: a súa; cecais o mellor da nosa Historia (para mostra “Ourense, as súas terras e xentes”, intervención nos postres dun xantar ofrecido na súa honra no Centro Ourensán de Bos Aires en 1959, a disposición de quen queira escoitalo nos fondos documentais do Arquivo Sonoro de Galicia). Tampouco deixemos de ter na memoria o seu humor e lucidez da súa última etapa na que solía comentar : “que non me fagan tantas homenaxes, que me deixen traballar”.
Dende 1977 as catro Deputacións provinciais de Galicia, contando despois co Goberno autonómico, conceden o Premio que leva o seu nome para recoñecer a traxectoria de personalidades que contribúen ou contribuiron a fomentar a cultura galega. A Real Academia Galega adicou en 1988 a Don Ramón o “Día das Letras Galegas”. Xa recibira en 1975 a Gran Cruz da Orde Civil de Alfonso X O Sabio. E a Fundación “Otero Pedrayo” dende a Casa Grande de Cimadevila, residencia habitual de Don Ramón, na parroquia de Trasalba, en Amoeiro, protexe modélicamente a súa figura e a súa obra. Hoxendía presidida por Eduardo López Pereira, nado a douscentos metros da Casa, razón pola que compartíu anos e horas de conversacións co Patriarca. Nesa finca onde seu Pai plantara a araucaria o mesmo día que naceu Don Ramón en 1888, que lle chamaba “meu irmán”. Esa árbore que partíu un raio catro anos antes da súa morte, dispoñendo Otero que coa súa madeira fixeran “o cadaleito co que o levaran a cova”.
Penso que é acaído plantexar, neste ano Oteriano, nomear a estación de Ourense “Otero Pedrayo”. Propoñelo, a título persoal, dende unha das páxinas de “La Región”, onde tamén él escribíu como colaborador. Sei que non é unha infraestructura nova, pero aínda pode facerse ou renovarse. Pero tamén sei que agora falamos da nosa estación da alta velocidade ferroviaria, a novidade destes anos que, como Don Ramón o fixera no ámeto da intelectualidade, nos sitúa noutra liga no contexto das comunicacións. Por iso estamos ante outra estación, con outros servizos e traxectos. E temos o mesmo dereito, e liberdade na capacidade de proposta, como así o fixeron noutros lugares para “bautizar” un enclave estratéxico recoñecendo a un dos nosos grandes nomes. Exemplos dabondo como en Madrid a “Chamartín-Clara Campoamor” e a “Madrid Puerta de Atocha-Almudena Grandes”…a de “Segovia-Guiomar” (que fai referencia a Pilar de Valderrama Alday, poetisa e dramaturga, o gran amor de Antonio Machado ), “Valencia-Joaquín Sorolla”, “Málaga-María Zambrano”, “Córdoba-Julio Anguita”, “Burgos-Rosa Manzano”, “Cuenca-Fernando Zóbel”, “Orihuela-Miguel Hernández” …sen ir máis lonxe “Santiago de Compostela-Daniel Castelao”.
Por suposto coñezo as outras máis que axeitadas propostas feitas hai xa lustros… En novembro de 2010 o Concello de Celanova, a iniciativa da Fundación “Curros Enríquez”, para que levara o nome de Don Manuel e situar “en lugar preponderante” das instalacións, con moi bo criterio, o seu poema “na chegada a Ourense da primeira locomotora”, publicado en 1881, con versos moi reveladores “por onde ela pasa fecunda os terreos, espértanse os homes, frolecen os eidos”… e ven a conto lembrar aquí que o Pai de Otero Pedrayo, Enrique Otero Sotelo, sendo deputado provincial defendeu políticamente a Manuel Curros Enríquez no seu proceso penal polas presuntas blasfemias contra a relixión católica verquidas en “Airiños da miña Terra”. Meses despois, en abril de 2011, a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas propuxo o nome de “Eulogio Gómez Franqueira”, sen dúbida un referente do mundo do emprendemento, da empresa e da política, un dos creadores da “marca Ourense” a nivel internacional co traballo cooperativista por bandeira. A declaración aprobada polo noso Parlamento dí que Ramón Otero Pedrayo únenos a todos. Que estamos ante un dos persoeiros máis coñecidos e recoñecidos por todos os galegos e as galegas. Que por iso o pobo galego lle outorgou a súa máxima estima, tendo en conta a transcendencia da súa figura na construción da Galicia moderna.
Díse que tódolos camiños conducen a Roma (“Omnes viae Romam ducunt”) aludindo á impresionante rede de estradas (aproximadamente oitenta e cinco mil kilómetros) postas en marcha durante o Antiguo Imperio Romano para unir as súas provincias, partindo do Milliarium Aureum, un monumento do Foro construido no ano vinte antes de Cristo polo emperador Augusto, que marcaba o punto de arranque de tódalas calzadas romanas. Eu engado sempre “conducen a Roma pero pasan por Ourense”. Quén mellor para darlle seu nome á estación que quen podería maxistralmente interpretalas e darlles sentido coa súa prodixiosa erudición. A resposta: Don Ramón.
Dixen.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PODCAST Y VÍDEO
EL PRIMER CAFÉ | Jueves, 22 de enero
UN ARROYO PRÓXIMO A LA ZONA
El accidente de Adamuz deja ya al menos 43 víctimas