Berto Manso
LA OPINIÓN
La zona, el territorio Gill
Sen fiar moito, direilles que en Estremadura perdeu a esquerda, pois a suma dos seus deputados é 25 (18 PSOE, 7 Podemos-IU) e a da dereita, 40 (29 PP, 11 VOX). Que como é matematicamente imposible que haxa un goberno de esquerda, o único que se ventila, a partir da constitución do seu parlamento, é como vai ser ese goberno da dereita: monocolor ou bicolor. E esta decisión está unicamente, en mans do único partido que baixou escanos, o da gran zoupada do -10.
Agora, ábrenselle dúas posibilidades a este PSOE; unha, de aires máis socialistas europeos e outra máis do modo sanchista. Explícome botando man da historia. En 1996, o PP de Aznar gañou as eleccións en España, -e gobernou- con 156 escanos e o 38,8% dos votos (176 era e é a maioría absoluta). Fronte a el, o PSOE obtivo 141 deputados co 37,63%, IU 21, co 10,53 %, etc. Felipe González non quixo, sequera, intentar articular unha maioría alternativa con forzas que cuestionaban o sistema político e deixou paso á lista gañadora, consciente de que era esencial para a democracia que gobernase un dos dous partidos sistémicos principais, o que máis apoios conseguira. Por iso, tal e como demanda Ibarra, o ex-presidente socialista rexional, o PSOE debería neste momento, despois dunha fonda autocrítica, absterse, e facilitar o acceso do PP ao goberno estremeño, para que gobernase en minoría e así, ampliar a importancia do xogo parlamentario co preciso pacto puntual para a aprobación de leis, etc. O PSOE, despois desta trompada, recuperaría visibilidade como movemento político responsable ao coutar o paso á incorporación da extrema dereita ao goberno rexional, podería tratar de influír nas decisións do novo goberno conservador minoritario e lanzaría unha mensaxe interesada na recuperación dos seus electores “seducidos” nesta ocasión polo PP, pois é no centro do campo onde se deciden os partidos. Normalidade no xogo político.
A outra alternativa, a sanchista, é máis arrevesada: potenciar ao máximo a VOX coa xustificación de divide e vencerás, e axitar o temor social á incorporación desa dereitona en calquera goberno, como se apestados fosen. Non lles funcionou de todo, porque a baixada do PSOE foi espectacular e a subida da súa esquerda (6 ao 10%) tampouco é tanto. E VOX, o grande beneficiado dese impulso socialista xa lles está a menos de dez puntos e cincuenta mil votos. O único, pois, que pode coutar hoxe o paso a VOX é o PSOE, coa súa abstención. E non se trata de establecer unha “Gross Koaliton” estremeña, senón de baixar o volume da tensión e procurar centrar a política nas forzas sistémicas, se é que o PSOE quere seguir sendo unha delas.
Pero poida que o sanchismo, prefira saír do marco, dificultar o paso e votar xunto con VOX contra a investidura de Guardiola, dentro da idea de canto peor, mellor. Así, forzaría un pacto entre as dúas forzas conservadoras e podería seguir axitando un monicreque inútil pois o electorado córrese máis á dereita. O escenario de esgazar a sociedade en dúas metades e que a súa sexa a máis grande, vaise vendo cada vez máis lonxe. O desprezo de Sánchez do sistema político vixente -posición fronte ao rei, á independencia do poder xudicial, pactos con prófugos...- lévao a cousas case cómicas como adiantar 15 días a valoración do ano político ou non comentar o resultado das eleccións en Estremadura, e si un intranscendente relevo de ministras na roda de prensa da data. Non sería de estrañar que con esta bagaxe e cos aliados que ten ao seu redor, vendo a súa supervivencia desde a esquina do cuadrilátero onde o teñen xuíces, opinión pública e resultados electorais, que pensase nun órdago á grande: un referendo sobre a forma de Estado contra a fin do seu mandato. Só falta que llo propoñan. E coidado que tamén a nivel internacional hai varios interesados na desestabilización de España. Cumpría andar con ollo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Berto Manso
LA OPINIÓN
La zona, el territorio Gill
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Muerte de Molière
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Medio lunes
HISTORIA DE UN SENTIMENTAL
O día que coñecín a Alonso Montero en Ventosela
Lo último