José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Reflexións sobre o roubo do “Tesoro de Villena”
A TRIRITA
Duns meses a hoxe o mundo está a cambiar; ou iso se me antolla a mín. Cousa de vellos, caseque seguro. Antes a cousa éralles ben máis lenta. Os canons de beleza perduraban séculos e séculos. Os que estudamos aquel bacharelato humanístico, hoxe en día considerado pouco menos ca unha inutilidade, soubemos como as proporcións ideais do corpo humano podían manterse ó longo dos tempos. Sempre haberá alguén que me recorde que hai que ír ó libro antes de falar, pero así e todo, voume atrever a facelo de memoria... a ser un falabarato unha vez máis. A ver que pasa.
Aínda hoxe hai escultores que teñen en conta o canon de Polícleto e aplican a proporción de sete cabezas ás súas esculturas do corpo humano, mentres que outros botan man do de Praxíteles (sete cabezas e media) respectando o equilibrio do corpo facéndoo descansar nunha perna (o mesmo ca o anterior) pero forzando un pouco a curva da cadeira tal cal nos amosa a Venus de Cnido e tal cal debeu ter en conta Boticelli. Pola súa parte, Lisipo implantou o das oito cabezas e aínda hoxe o teñen en conta non poucos artistas. A saber o que se nos vai vir enriba co invento este da IA, da intelixencia artificial, logo de que dende hai anos os modelos propostos mudaran de seis en seis meses, máis ou menos, e fosen seguidos, tamén máis ou menos, pola arte cinematográfica. Poñamos exemplos.
Ultimamente xa non é tan habitual nas teleseries que a protagonista apareza sentada no retrete ou trousando, nin que o actor principal comunique a súa ansiedade batendo as mans no volante do seu automóbil, iso entre outras marabillas narrativas. Agora lévase moito un tenebrismo que non ten nada que ver co de Zurbarán. De xeito que non se ve nada, pois, a miúdo, as pantallas ofrécennos unha escuridade total. As visitas ás salas de autopsias agasállannos coas carnicerías máis lacrimosas e por aí seguimos avanzando camiño de non se sabe onde. Tampouco non hai que se agobiar moito. Hai exemplos ben peores, desculpen que lles aforre a súa descrición.
Está un xa tan afeito a todo que, como nunca antes, calquera mindundi ten resposta pronta ante calquera situación deixando que sexa o seu sentimento quen o leve polo camiño da resposta rápida a calquera problema. As cousas da tele, un deles. Vese moito na prontitude, chea de excesiva espontaneidade, coa que os políticos se refiren non só ós problemas que nos aflixen senón mesmo á trivialidade dos seus opoñentes, ocupantes dos cargos públicos máis insólitos e actuantes. Chao pescao!
“Nulla ethica sine aesthetica”, no hay ética sin estética; malia que tamén se poida afirmar xusto ó revés, ou sexa que non hai estética sen ética. Van tan xuntas, tan da man, que se nos arpa pel de galiña grazas á contemplación de frase tan feliz cada vez que a nova estética nos leva a considerar os tempos da nova ética que nos espera.
A estética do tenebrismo, as irritantes palmadas contra o volante do coche, as aparicións dun home ou dunha muller sentados nun retrete, esa perrera dos mozos que oculta os dous dedos de fronte sempre tan necesarios; ou noutro caso, os seus churriguerescos peiteados, mentres que as mozas locen meleas relucentes e ben feitiñas; todo iso, xunto con esas horrísonas bandas musicais que acompañan ás máis das pelis que vemos na tele e que non son nin dodecafónicas, dicíalles, todo elo, por ser xerador de tantos efectos encontrados, cáusanme un certo desacougo que sei propio dun vello, si, pero que é, á postre, un pequeno anuncio dos tempos que veñen pola proa. Cualifíqueos cada quen como lle pete.
Deixémolo eiquí. “Nulla ethica”... e tras tempos, tempos veñen. Quen agardaba por unha Idade Media logo de Grecia e Roma? Quen que a sociedade estamental fose o antecedente da sociedade de clases? Quen que a sociedade de clases poida estar xa en transo de desaparición pra ser substituída por outra baseada no capitalismo de Estado chinés ou neocapitalismo neoliberal trumpista? Haber hai xa pensadores que dan por feito a decadencia de Europa, a liquidación da sociedade derivada da Ilustración e dos seus valores, hoxe xa tan controvertidos. E nos eiquí tan tranquilos. A estética destes tempos é a que é. Mirémonos no espello a ver que vemos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Reflexións sobre o roubo do “Tesoro de Villena”
Alfredo Conde
A TRIRITA
Cousas da ética e cousas da estética
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Ceuta, tanto por hacer
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Tercios
Lo último