José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Reflexións sobre o roubo do “Tesoro de Villena”
DIARIOS DO PASADO
Estes días os medios difundiron a mala nova do roubo do “Tesoro de Villena”, unha das máis sinaladas coleccións de ourivaría da Idade do Bronce en Europa. A gran preocupación nos arqueólogos pode estar no valor do ouro en si. A dificultade de vendelo, a non ser a un caprichoso coleccionista multimillonario para desfrute privado, ten o risco de que os aproximadamente dez quilos de ouro sexan fundidos para facilitar a venta. Sería, como supoñen, unha perda irreparable para o patrimonio arqueolóxico valenciano, español, europeo e universal.
O roubo en si é unha alerta sobre as condicións de seguridade dos museos, aquí e noutros lugares do mundo. Todo indica que eses ladróns de luva branca coñecían o botín, aínda que cando redactaba este escrito non se sabia se o fin perseguido era o tesouro arqueolóxico ou o ouro, que sempre ten para nós moito menos valor que as pezas. O caso é que o asalto foi accesible e rápido -só 8 minutos- e, tamén así parece, as instalacións non foron quen de poñer resistencia. Pero o asunto non ten fácil solución, dadas as dificultades que poden derivar do propio concepto de patrimonio arqueolóxico. En primeiro lugar, é un “ben público”, como establecía o art. 44.1 da “Ley 16/1985 del patrimonio histórico español”. Este atributo outorga o dereito á contemplación tamén pública dos bens, polo que as institucións deben garantir, xunto coa accesibilidade, a preservación e seguridade. Coa Constitución Española de 1976 vivimos nun “Estado de autonomías”, e cada comunidade autónoma ten competencias exclusivas en patrimonio cultural. En Galicia o establece o art. 27.18 do estatuto de autonomía de 1981. Outro asunto é a organización en cada comunidade. Hoxe existen varios museos con coleccións arqueolóxicas -Ourense, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Viladonga, etc.-. Neles se depositan de forma preceptiva os achados das intervencións arqueolóxicas. Son museos importantes, con medidas de seguridade onde nunca -crucemos os dedos- ocorreu un asalto como o de Villena. Pero nun dos citados museos existe outro tesouro áureo excepcional da Idade do Bronce. Aínda que é de sobra coñecido, non o citarei para non tentar aos émulos de Arsenio Lupin. Tan só dicirlles que leva o nome da vila pontevedresa onde naceu o rei emperador Alfonso VII, denominado de León.
Pero os museos, en xeral, prodíganse e a sociedade non está polo labor de investir grandes recursos en patrimonio cultural, polo que todo pode ocorrer. Ante tal perigo, as respostas non son fáciles por varias razóns. Destacamos, entre moitas outras, os custos económicos para manter as coleccións e cos imprescindibles garantías de seguridade, ou o propio valor simbólico do patrimonio, dado o carácter de ben público para desfrute colectivo e, nalgúns casos dotados de gran notoriedade popular, como poden ser estes “tesouros”. A segunda razón é o dilema de desvincular estes achados arqueolóxicos dos seus lugares de procedencia, onde non poucas veces son motivo de orgullo local. Pero a seguridade importante, esencial. Consideramos que sería oportuno, e moi importante para nós como comunidade cultural, crear un gran Museo Arqueolóxico de Galicia, en estreita interacción cos museos arqueolóxicos actuais e seguindo o ronsel simbólico do Museo do Pobo Galego, con pezas seleccionadas de todo o territorio, tanto polos seus significados como elementos esenciais para o noso pasado, como polo valor crematístico en aras á máxima protección posible. Iso permitiría, ademais de garantir ou incrementar a seguridade por estar centralizada, explicar o pasado de Galicia a través dun selecto elenco de pezas altamente representativas. Ese museo podería, entre as súas actividades, organizar exposicións temporais desprazando pezas a institucións o máis próximas posibles dos lugares onde se atoparon, organizando actividades alusivas aos achados -como hai pouco fixo o Museo Arqueolóxico de Ourense coa arracada de Vilar de Santos- e ao seu significado para a zona. Ese gran Museo Arqueolóxico de Galicia, emprazado en Santiago de Compostela, capital e entorno accesible, sería a proxección da arqueoloxía galega ante os cidadáns e os numerosos visitantes. Se alguén me preguntase, á denominación oficial dese hipotético museo engadiríalle o nome de “Florentino Cuevillas”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Reflexións sobre o roubo do “Tesoro de Villena”
Alfredo Conde
A TRIRITA
Cousas da ética e cousas da estética
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Ceuta, tanto por hacer
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Tercios
Lo último