Jesús Prieto Guijo
LA OPINIÓN
Parricidio en El Palmar
Cada ocasión na que regreso a Ourense -quérese dicir fisicamente, porque do outro xeito a viaxe sucede ben a miúdo- non sei se dicir que subo ou baixo, se vou ou veño. Que lle imos facer! Sucede así porque, primeiro, teño que subir pola Serra do Candán arriba e, logo, ir seguido por ela abaixo ata dar co Miño alá polo Barbantiño. Hai anos nos que pospoño o meu breve retorno, deixándoo pra febreiro. Fágoo por causa da cor coa que se viste o máis do recorrido. Refírome a ese marelo das mimosas, escasamente vaticanista. Este ano retrasouse tanto a súa floración que millor non falar máis delas, das mimosas invasoras.
Non sei por que lles conto isto, así que millor vou deixalo nun alarde de prudencia co que moito non se me identifica. Sucede que ser, o que se di ser, esta miña é unha teima emprendida coas acacias e máis cos eucaliptos, ese par de pestes ás que non lles vexo remedio ningún. Para me consolar morrerei botando pestes delas, das dúas; sen dúbida ningunha. Hai que ter resignación.
En todo caso contareilles a que coido causa destes paragrafiños que aí quedan, tal e como lles avisei. O caso é que veño de ler un artigo escrito por un señor que recordaba nel unha viaxe familiar a Londres, continuada logo a París e coido que rematada non sei se entre Donosti ou se en Madrid. Hai ocasións nas que moito me pregunto por que me aprenderían na casa a comer de todo e o dereito que se deriva deste afán de exercer o oficio de lector coa prodigalidade coa que me aplico. Pénsoo así porque hai lecturas que conturban o ánimo e, de seguido, fan que me pregunte se teño eu (ou non) o dereito a restregarlle polos fociños (entendidos sexan estes na súa acepción máis metafórica posible) os meus afáns se, tal restregar, vai acompañado dun supremacismo social, mesmo familiar, mesmo económico e aínda doutras índoles que, non o sendo, poden ofender as sensibilidades de non poucos daqueles que, afeitos a ler de todo, debullen a por veces súa tan farragosa como aristocrática prosa, entendidos sexan estes dous términos nas súas acepcións menos compasivas.
Hai ocasións nas que moito me pregunto por que me aprenderían na casa a comer de todo e o dereito que se deriva deste afán de exercer o oficio de lector coa prodigalidade coa que me aplico
Non importa o nome de quen asina ese escrito no que se describe a viaxe dunha familia con dez fillos, realizada naqueles días de coches biscuter e bicicletas mosquito, fondas e pensións discretas, mentres uns poucos ocupaban suites en hoteis de luxo, mercaban gabardinas de marca en tendas de roupas pra ricos.
Non importa agás que, precisamente naqueles días nos que esa numerosa prole familiar viaxaba, o país, este noso e pequeno, e verde e ás veces triste paisiño noso, se nos ía enchendo de eucaliptos, logo de acacias, máis tarde de colores e arrecendos ignorados diríase que dende o comezo dos tempos.
Dise así porque foi a petulancia duns poucos a que anegou os nosos vales máis vizosos, arrasou a nosa fauna, privounos de non pouca da nosa flora, mentres os petulantes viaxaban en wagons-lit alleos á realidade na que quedaba unha parte do seu país. Poderemos dicir que a culpa non é deles? Claro que si, pero acaso deberan ter mirado de esguello o que pasaba porque, de telo feito, hoxe non nos soaría a regodeo un artigo como este que me reprime as gañas de viaxar a Ourense con tal de non facelo aspirando o doce arrecendo das mimosas e xa postos tamén recordando os vaos de eucalipto nos tempos da tos ferina.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Jesús Prieto Guijo
LA OPINIÓN
Parricidio en El Palmar
Mariluz Villar
MUJERES
Hablar con Sophia
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
Contumacia en el error
Jorge Vázquez
SENDA 001
Dejar de mirar el reloj para empezar a mirar el horizonte
Lo último
MANUEL FERRADÁS
Ferradás: una estirpe a golpe de cuchillo en O Carballiño
INVCITOS COMO LOCAL
Atlético Arnoia a seguir fuertes en casa ante el Pontevedra B
A PARTIR DEL 26
“CarbaNadal”, parque de atracciones navideño en O Carballiño