Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
O outro día ai atrás, convidado ao acto da sinatura da Fundación do Padroado de Panteón de Galegas e Galegos ilustres, estiven en San Domingos de Bonaval, en Santiago. E gustoume o visto. A última vez que estivera alí nun acto político fora o día de xuño de 1984 en que volvían os restos de Castelao, a petición do Parlamento Galego en conexión coa familia e cos responsables da custodia dos seus restos no panteón da Chacarita, en Bos Aires. Era lóxico que o Parlamento dunha Galicia renacida despois da ditadura, en exercicio do seu poder, movese fíos para traer os restos dunha persoa-símbolo que tanto fixera pola autonomía como Castelao e situalo ao lado de Rosalía, Brañas, Asorey, Cabanillas, nun espazo creado de xeito inercial e natural como o Panteón de Galegos ilustres. Lembremos que en 1891 Rosalía foi levada a ombreiros desde o cemiterio de Adina, onde residía o seu cadáver, ata Bonaval. E logo foron chegando os demais. Sen moita complicación administrativa. O espazo desamortizado fora o do convento, pero non o templo, aínda que tivese pouco uso. E alí, todos eles bos católicos, encontraron o seu acubillo, ao amparo da Igrexa.
E si. Desta volta, en 2025 foi un pracer ver algo do que estamos tan precisados: consensos básicos ao redor dos que organizar o futuro. Nin rastro dos energúmenos que naquel 1984 trataron de boicotear o acto. Desta volta, grazas ao bo facer do presidente do Parlamento, o ourensán Miguel Santalices Vieira, e as posturas progresivamente flexibles das forzas políticas presentes no Parlamento, no Concello, e á actitude da Igrexa, sabiamente dirixida por outro ourensán, o arcebispo Francisco José Prieto Fernández, logrouse o acordo consensuado e a sinatura inicial da Fundación que ha rexer o funcionamento do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. (Por certo, un nome que a min non me acaba de gustar; preferiría, senón o vello co uso do xenérico tradicional, un novo como Panteón de Ilustres de Galicia para evitarmos a repetición do lexema galeg- na simple denominación. En fin, sexa polo consenso e o acordo).
Digo que para min, foi unha delicia encontrar sorrisos de persoas das catro forzas políticas parlamentarias (PP-BNG-POSE-DO) e membros da sociedade civil nun acto festivo e de unidade. Os discursos dos políticos, amables, previsibles, pero marcando as súas posicións dentro do consenso. Sobresaliente, para min, o de monseñor Prieto, o mellor, o máis traballado, con máis contido e en mellor galego.
No do Panteón, todos asumen a conveniencia dun lugar central para homenaxear e lembrar os personaxes históricos do país
Ben. Pois este exemplo de consenso e unidade, débese estender á cuestión da lingua. No do Panteón, todos asumen a conveniencia dun lugar central para homenaxear e lembrar os personaxes históricos do país. Si. Alí xeógrafos, poetas, escritores… forman o noso locus memoriae principal, o lugar da memoria para fixar a tradición da identidade propia. E abonda. Se un quere chamarlle “nacional”, perfecto. Se outro non quere dar esa cualificación, pois tamén.
E si. Creo que por aí deberían ir as tendencias no tema da lingua. Non debemos buscar constantemente os “máximos comúns divisores” entre as nosas ideas, senón os “mínimos comúns múltiplos”. Ou sexa, procurar as posicións mínimas consensuadas desde as que multiplicar a efectividade. Debemos recoñecer que temos unha vontade común mínima -salvar e normalizar a lingua- e as ideas de que é iso da normalización, e de como facelo, son diversas. A partir de aí, dese recoñecemento mutuo de boa vontade, que para moitos é obvio, buscar estratexias novas. Creo que todos sabemos que os galegofalantes, vellos e mozos, son máis firmes que nunca na súa fala... pero están, numericamente en retroceso, como o medio rural mesmo. E todos sabemos que os inmigrantes -somos xa un país de inmigración- non se senten atraídos nin animados, nin compelidos á lingua galega, en parte, porque non é a lingua dominante na sociedade moderna das cidades. Por iso as estratexias deben ser novas, como nova é a sociedade e os medios nos que se desenvolven as persoas.
Todos concordamos tamén en que o mundo de hoxe non se parece en nada ao de cincuenta anos atrás. Xa non é imposible imaxinalo sen internet, sen comunicación instantánea, tipo telefono ou whastsapp; sen convivencia con varias linguas, etc.
Se partimos, creo que todos concordaremos, en que o galego debe ser a lingua primeira de Galicia, por ter sido a única nacida nestas terras, debemos esforzarnos consensuadamente en como o logramos. Para iso, cómpre ter abertas as mentes e flexibilidade nas actitudes. Xogámonos moito. O exemplo de que son posibles os consensos sobre os sinais de identidade, está no logrado ao abeiro do Parlamento co do Panteón. Agora, debemos trasladar o tema dos mortos aos vivos. Sería ben máis útil. A lingua debe ser, simplemente, a nosa ferramenta comunicativa propia e principal. Non estaría mal que Santalices e o Parlamento tivesen moita presenza no asunto en busca de puntos comúns. Xa o fixeron unha vez.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último