Fernando Román Alonso
TRIBUNA
A casona de Fermín García
ARTE ET ALIA
Estaría D. Ramón ledo, posiblemente, da afortunada presenza do Arquivo Histórico Provincial de Ourense no antigo convento de san Francisco, que atesoura abondoso material seu. Con estes fondos, e significadas aportacións, monta Pablo Sánchez Ferro, o director, coa súa equipa do AHPOu, unha mostra bio-bibliográfica na liña do Ano Oteriano 2026, acordo declarado polo Parlamento de Galicia. O complexo arquitectónico ten en fachada, a cáscara da que fora capela da Venerable Orde Terceira, división franciscana dos laicos á que pertenceu Otero. Así quixo ser enterrado no cemiterio, na que fora horta conventual. Aquí, na compaña de amigos como Ben-Cho-Shey, e moitos achegados, descansa o sono dos xustos nun cadaleito feito coas táboas da árbore de Trasalba que nomeaba “o irmanciño”.
Da comezo a senlleira mostra de arquivo, con dúas famosas imaxes de M. Conde-Corbal, que definen o persoeiro: una instantánea como orador, cos brazos abertos; e a de 1977 que recrea a saída da catedral do funeral córpore insepulto, alegoría de seu dende as forzas vivas culturais acompañándoo féretro aberto e vestido co hábito franciscano e bandeira galega; e por tras, a modo de estatuas-columna na porta N., Losada Diéguez, Castelao e Risco, con Cuevillas e Ferro Couselo, xa falecidos. Diante, en primeira fila, Mª Teresa Cortón e Teresa Castelao, Xaquín Lorenzo e persoeiros colocados tal como o relevo apostólico coa aparición de Cristo a Tomás no claustro de Silos, estiveran ou non ese día, de onde o título que porta Sixto Seco, Os milagres de D. Ramón. Trala obra, reprodución do orixinal, a mostra estrito senso, con máis de trinta testemuñas documentais, entre as que destacan O sorrir da serea, conto; o poema A Estadea, ou Santa Compaña, no contexto da guerra de 1936, pranto polo Seminario de Estudos Galegos (SEG). Outros manuscritos son as cartas a Bouza Brey, e a que dirixe a Ferro e Cuevillas co Informe sobor dunha idea de... Historia de Galiza, obra que xurde dunha conversa con Castelao en 1947 en Bos Aires, e da que saíron tres volumes, dous de xeografía, xeoloxía e etnografía, sendo o outro prehistoria, todo un referente identitario, como titula unha sección da mostra.
Paneis con ilustracións e diante de vitrinas con obras, dispostos en orde cronolóxica, dende Trasalba e o entorno familiar, de fidalgo católico e liberal, até o concepto de Patriarca das Letras Galegas, pola súa autoridade moral e intelectual, tendo influínte rol na cultura e literatura galega xa dende a Guía de Galicia nos anos vinte, segundo a declaración institucional. Os estudos en Madrid, a cátedra de instituto en Ourense, 1921; e o cursus honorum coas Irmandades da Fala e o grupo arredor da Revista Nós, 1920, e o SEG, 1923, que lle da ese poso e peso dunha idea global de Galiza, participación política e deputado nas Cortes da IIª República, 1931-1933, e defensa do Estatuto de Autonomía xa co Partido Galeguista. Logo de recuperar a docencia trala guerra co-funda Galaxia e segue desenrolando as facianas de historiador, xeógrafo, ensaísta e articulista, un divulgador extraordinario, tamén dende a oratoria. Un proxecto brillante á altura do seu rol de prestixio. Unha emoción ver a súa caligrafía, as capas dos libros e fotos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último