Feo incidente

Publicado: 12 jul 2025 - 01:10
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

No medio do verán é feo falar de cousas feas en vez das fresquiñas cervexas das terrazas, das orquestras atronadoras das festas, das sombras acolledoras, das toallas con recendo a sal húmido, do boa que está a auga do mar, dos cativos batuxando e rindo na auga da beira, dos pais facendo castelos de areas co cubiño e a pa, dos mozos ollando para as mozas e viceversa, das sardiñadas populares, das churrascadas impopulares para o colesterol e para os dietólogos, pero populares para as comisións de festas e xente en xeral, e das festas de calquera lugar e calquera sitio e de calquera produto, sempre coa conxunción de comer e bailar, animado, sobre todo, polo bo tempo; por que se chove, alá vai a festa... Non hai que lle facer. Ou do pouco traballo que hai nas oficinas e do ben que se está en Ourense, fóra as horas de máxima calor.

Non sei se amarela -advertencia- ou roxa -expulsión- é o que merece o señor Slim, o de Vigo. Un feo incidente que merece sanción. Porque unha cousa é unha cousa e outra cousa é outra cousa.

Eu, como hábito deste tempo, trato de non ler o xornal e, desde logo, cancelar a televisión de xeito absoluto. Pero como o telefoniño maldito procura de seu, por propia iniciativa, manternos informados, sempre hai unha fenda pola que chega, ocasionalmente, a información.

E así, antonte chegáronme ecos dunha cousa fea, acontecida uns días aí atrás. Trátase dun episodio de racismo, dun delito de odio, nunha terraza dun bar de Vigo. Pero máis fea paréceme a pasividade dos demais clientes e mesmo a defensa do acto infame, ilegal, xenófobo, por parte de algúns cibernautas ou voluntarios que o chaman para expresarlles comprensión e solidariedade. Que despiste. Non me estraña que logo nas eleccións os votos teñan pouco xeito. En fin, seguramente o lembran, o caso é que o dono dun establecemento de comida italiana, Mimassa, na zona do Areal de Vigo expulsa a berros das súas terrazas un grupo de turistas, seguramente cruceristas, só pola súa condición nacional. O acto fíxose viral nas redes, espallado polo propio autor do delito de odio, un libanés, Samir Slim, gabándose do feito. Así conseguiu a publicidade para o local -un dos tres que ten en Vigo- pero a custa de evidenciarnos que a xenofobia non é un mal en absoluto erradicado e que ten os seus apoios ideolóxicos. Como adiviñaron, os expulsados da terraza, eran israelís. A versión do dono de que se estaban portando mal, non ten percorrido. A propia filmación do incidente que el fai fala por el. “Si matais en Palestina, os vais a comer a Gaza”, dille Slim aos seus ex-clientes. A verdade é que se estaban en Vigo, e sendo xente de idade avanzada, era pouco probable a súa implicación na guerra. Polo tanto, como o sr. Slim conta, despois de preguntarlle se eran turcos e eles contestaren “israelís”, foi cando lles ordenou que marchasen, e empezou a proferir insultos, como o sinalado e outros varios.

Ninguén axuizado está contento con esta guerra horrorosa. Nin cos crimes iniciais a mans de Hamás e secuaces, nin coa hecatómbica resposta de Netanyahu. Pero non podemos permitir que unha persoa, especialmente un convidado en España que é o que é o libanés en cuestión, se salte a lei, a educación, e o bo comportamento, para presumir de ter expulsado cidadáns doutro estado cuxa presenza era tan legal como a súa. Non señores, a lei está para cumprila. Imaxina alguén que nun restaurante se expulsase a algún polo feito de ser catalán, portugués ou de Vigo? Pois israelí, tampouco.

Outra cousa é outra cousa, e os camiños da paz son os que se deben andar. E Líbano, pode ir polo bo camiño co seu novo presidente Joseph Aoun, un home ben preparado, que está desarmando a Hizbulá e as milicias palestinas. Ben sabe el como se produciu a destrución da Suíza do Mediterráneo. Non sei se amarela -advertencia- ou roxa -expulsión- é o que merece o señor Slim, o de Vigo. Un feo incidente que merece sanción. Porque unha cousa é unha cousa e outra cousa é outra cousa.

Contenido patrocinado

stats