Fernández Alonso e os xudeos de Ourense

crónicas de agora e sempre

Que o pobo xudeo, vítima da maldición bíblica, foi condenado a trasterrar a súa penitencia dende as orixes do cristianismo é unha obviedade que tamén os trouxo a Ourense. Un dos que os estudou foi o cronista provincial Benito Fernández Alonso

Publicado: 22 sep 2025 - 05:55

Fernández Alonso tiña o negocio nos soportais da Praza Maior, homenaxe a Marcelo Macías e escavacións en Toralla.
Fernández Alonso tiña o negocio nos soportais da Praza Maior, homenaxe a Marcelo Macías e escavacións en Toralla.

O ludro de actualidade no que vive hoxe mergullado o pobo de Israel fronte ó espello do mundo por mor das execrables decisións militares que están tomando os seus mandatarios contra o pobo palestino, provocando nesta comunidade un auténtico xenocidio, tráeme á memoria un traballo histórico realizado por este ourensán de Galez (Entrimo) Benito Fernández Alonso, sobre os xudeos que residiron en Ourense entre os séculos XV e XVIII durante os que a convivencia común e as xenreiras recíprocas foron caldo de cultivo permanente.

O nome de Benito Fernández Alonso ten sido reproducido nestas crónicas con certa recurrencia porque a súa obra documental sobre a provincia de Ourense é tan ampla, tanto temática como historicamente, que resulta moi difícil abordar algún asunto ou personaxe previo á súa vivencia que nalgún aspecto non fose abordado por este prolífico entrimeño.

Aínda que a maioría dos seus traballos centráronse na etapa histórica da Idade Media, son moitas as vicisitudes polas que pasou a provincia, tanto en épocas anteriores como en datas máis próximas á súa propia existencia que pasaron pola súa peneira denantes de seren divulgadas para o gran público.

Dan fe do que digo traballos costumistas ou etnográficos, crónicas urbanas, personaxes históricos nacidos en Ourense, os principais monumentos da provincia e as súas singulares circunstancias. Traballos que se repartiron pola práctica totalidade dos xornais do momento, tendo un soporte fundamental no Boletín da Comisión de Monumentos da que formou parte dende a súa fundación, como vocal e principal alimentador dos contidos do devandito boletín.

Pois ben, con estes antecedentes, ós que lles hai que engadir outras publicacións monográficas acometidas como “O río Limia e os seus contornos”, “Armas de Orense”, “Guerra hispano-lusitana” ou “Cronica de los obispos de Orense” ou “Orensanos ilustres”, non resulta raro saber que a presenza da comunidade xudea en Ourense tamén foi obxecto do seu interese historicista e en 1904 publicou “Los judios en Orense”.

Segundo indica a súa biógrafa Carmen Barbosa, Fernández Alonso era “un gran admirador deste pobo e mantiña correspondencia cos exiliados en África Setentrional e no Oriente europeo”.

Ó longo de quince capítulos, o historiador aborda as comunidades xudeas na provincia, aínda que centrándose na capital e valéndose para elo da documentación custodiada no arquivo municipal.

“En Auriabella -relata Fernández Alonso- tuvieron los hebreos su aljama en la Rúanova, que allá por el siglo XV estaba situada en las cercanías de la Plaza Mayor y Huerta del Concejo”, onde dis que “vivía la gente más rica” da cidade e entre cuxos veciños estaban “David, o judio; Samuel, judío; a judía, muller do Ruvio, judío; O`Colondro; O zapateyro, judío; Salomón tecelán” e outros moitos.

Durante moito tempo, a relación entre xudeos (que eran prateiros, arrendadores, cobradores, alcabaleiros, etc.) e cristiáns foi de común convivencia, ata o punto de poñer como exemplo unha denuncia levada a cabo de forma conxunta por “Aldonza, judía e Gonzálo Yáñez, boo cristiano”, contra Juan Pérez por levantar unha casa ilegal á par da casa de Aldonza.

Isto non obstaba, sen embargo, para que se deran episodios ocasionais de pequenos enfrontamentos, coma os que se sucedían cando os xudeos chamábanlles “nazarenos” ós cristiáns e “insultaban á virxe” chamándolle “capeluda”.

A confrontación total chegou en 1442, da man de Gonzalo Díaz de Cadorniga e da súa dona Beatriz de Castro, que “habían jurado no transigir con la estancia de la tribu judía” e que chegaron “a la triste situación de ver arrasada la Sinagoga, destruido el Talmud y robados los objetos que al abrigo del templo se custidiaban”.

Entre os xudeos-ourensáns salentables, Fernández destaca ós irmáns médicos Antonio e Paulo Guadalupe, que acabaron adoptando o cristianismo e custodiando a sáude da raíña Isabel.

Un sacerdote que non foi e un comerciante de tecidos que se dedicou á investigación histórica

Benito Fernández Alonso en 1922 e portada do llibro sobre os xudeos.
Benito Fernández Alonso en 1922 e portada do llibro sobre os xudeos.

Pero, quen foi este singular polígrafo que, a dicir de Marcelo Macías “hallábase adornado de tan excelentes prendas personales que atraía hacia sí la simpatia y con ella el amor, la devoción y el respeto de cuantos lo trataban”.

Nacido na aldea entrimeña de Galez, no mes de outubro de 1848, o profundo sentimento relixioso dos pais fíxoo ingresar no Seminario Conciliar de Ourense, onde -indica Carmen Barbosa- cursou estudos de Humanidades, Filosofía e Grego, que rematou en 1862.

A ausencia de vocación sacerdotal afastouno, sen embargo, dos estudos eclesiásticos e durante un tempo exerceu a docencia escolar na aldea de San Paio de Araúxo (Lobios), ata que decidiu instalarse na capital e montar alí, nun local dos soportais da Praza Maior, un negocio de venda de panos e tecidos, chegando a especializarse na transación de vestimentas, obxectos e complementos relixiosos, pero coa clara vocación de dedicar o seu tempo á investigación histórica, a súa gran paixón.

Casa coa súa veciña de Entrimo, Rufina Alonso, coa que ten dous fillos, o segundo dos cales falece con moi pouca idade, en febreiro de 1880. Non pasan sequera catro anos e a vida familiar racha definitivamente co falecemento de Rufina, o que leva a Benito Fernández a apartarse practicamente da vida social, demitindo previamente como concelleiro para coidar da súa muller.

Unha vez viúvo e tendo en conta que o negocio non precisa da súa presenza para colleitar boas rendas, centra as ocupacións nun estudo que monta na casa da rúa de San Miguel e nel pasa a maior parte do tempo centrado no coñecemento e publicación de infinidade de traballos históricos centrados fundamentalmente na provincia de Ourense.

En 1890 emparenta co prestixioso avogado e xornalista José Manuel Paz Novoa, ó casar coa súa irmá Josefa e o seu prestixio persoal e profesional vai crecendo coma a escuma ata converterse por dereito propio nun dos prohomes ourensáns, non só pola súa elección como cronista provincial, senón pola súa valía intelectual.

Numerario da Academia Galega, correspondente da Academia de Belas Artes e da Historia, Benito Fernández Alonso faleceu o nove de maio de 1922, deixando constancia de que “la Historia fue para él, no sólo testigo de los tiempos sino también maestra de la vida”.

Contenido patrocinado

stats