Ferro Couselo e os 50 anos de xestión do Ourense monumental

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 03 ene 2026 - 04:10

Busto de Ferro Couselo xunto ás obras do Museo Arqueolóxico.
Busto de Ferro Couselo xunto ás obras do Museo Arqueolóxico.

En 1975, hai 50 anos, ocorrían dous feitos que o destino quixo relacionar entre si. O 23 de abril falecía o arquiveiro, investigador e director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xesús Ferro Couselo. E o 23 de outubro, o BOE publicaba o decreto da declaración da cidade antiga de Ourense como conxunto histórico-artístico. Por fin se conseguía a categoría de monumento e a acción de Ferro foi esencial para tal logro. Entre outras e numerosas distincións, Xesús Ferro foi académico correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, de Madrid. El redactou o informe para sustentar a declaración. Así, a propia acta di que “En la sesión celebrada por esta Real Academia el día 9 de junio de 1975 fue leído y aprobado el siguiente dictamen de la Comisión Central de Monumentos (ponente el Ilmo. Sr. D. Jesús Ferro Couselo...)”.

O citado decreto vai describindo os valores monumentais que facían a cidade antiga de Ourense acredora de tal distinción e que, ademais, a ía protexer dun urbanismo nada receptivo para conservar os valores monumentais deste sector da cidade herdado directamente do medievo. Máis iso, sendo moi importante, só foi un principio dun efecto multiplicador para dotala de protección e dun sistema urbanístico propio. A lexislación sobre patrimonio cultural vixente, primeiro a española de 1985 e despois a galega de 1995, obrigaban a redactar plans especiais de protección nos conxuntos históricos declarados, con criterios específicos para intervir nos edificios prazas e rúas, é dicir, como actuar, edificar e as condicións de conservación deste asentamento urbano modelado pola historia. A propia redacción do Plan Especial de Reforma Interior -o célebre PERI- e a consecuente aprobación en 1997, plan adaptado como vimos ás leis de patrimonio vixentes, obrigan a elaborar un plano de prevención arqueolóxica para o subsolo da cidade histórica, graduado en catro zonas deseñadas en función dos achados e estudos publicados ata ese momento. E non só iso, senón que se crea a Oficina de Rehabilitación e un gabinete municipal de arqueoloxía, inicialmente denominado Servizos Técnicos Municipais de Arqueoloxía, orixe do actual Departamento de Arqueoloxía do Concello de Ourense que teño a honra de dirixir. A xestión desta oficina e gabinete municipal de arqueoloxía multiplicou exponencialmente o número de intervencións arqueolóxicas na cidade histórica, e con elas o coñecemento do pasado remoto da nosa cidade, consolidando unha arqueoloxía preventiva de proximidade en estreita colaboración cos arqueólogos territoriais da Xunta de Galicia en Ourense a quen a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia conceden a competencia exclusiva en patrimonio cultural, do que forman parte as evidencias arqueolóxicas na nosa comunidade autónoma.

Coñecía as teorías de Ferro sobre o asentamento romano na cidade de Ourense, ou as publicacións de achados arqueolóxicos que contribuíron a coñecer o pasado máis remoto do solar no que hoxe se empraza a urbe. Pero cando pasei a organizar o actual Departamento de Arqueoloxía municipal o ano 1998, non sabía entón que detrás de todo este proceso estaba un informe del na Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid para a declaración de monumento histórico artístico, xerme de toda a protección e xestión cultural na nosa cidade máis antiga.

Contenido patrocinado

stats