O fillo de Franco na barranca do Barbaña

Publicado: 06 nov 2024 - 00:15

Sigo a ter as mesmas ideas de sempre. O que sucede é que, cambiando os feitos que nos rodean a min e máis a elas, un vai reenfocando esas ideas (e mailos actos que dela se derivan) sempre a partires dunha realidade que pode acabar sendo dramática. Isto élles así -ou máis ben penso eu que sexa deste xeito e non doutro- posto que cada un de nós tende a dicir daqueles que pensan coma nós pensamos, que eses si que teñen as cousas claras. Os outros seica non.

¿Que é ter as cousas claras? ¿Quen son os que teñen as cousas claras? É de temer que sexan os que desfruten do mesmo grao de confusión mental que podamos ter nós a respecto dos temas que en cada ocasión sexan considerados. Aí chegados, o mesmo grao de confusión, sérvenos pra catalogar ás xentes. Bos se pensan coma nós, malos e ruíns se pensan o contrario. Cando esas bondades aboian -e con elas o son tamén as maldades- entón estamos a constatar a existencia dunha linguaxe totalitaria que as máis das veces está instalada na mente dun nazi de tipo berlinés… ou dun stalinista moscovita.

Porén, é de sospeitar que a definición de equidistante, ese concepto que está tan en boga dende hai uns anos, se trate dun recurso oratorio pra que cualifiquen, tanto o berlinés como o moscovita, a aqueles que son quen de ver con certa obxectividade que, tantos uns coma outros, fan ben unhas cousas e mal outras, ¿Trátase de equidistancia ou máis ben dun certo equilibrio intelectual que permite, grazas á liberdade de pensamento, opinar nun sentido ou doutro?

A equidistancia non se trata nin de indeferencia, nin de acomodación. Se así fose, do que se trataría sería de algo moito máis velaíño, tan velaíño, que habería que evitar confundir o resultado das súas “equidistantes” opinións. Sucede así sempre que os seus comentarios, as súas advertencias ou os seus avisos, poidan servir pra facer bo o conxunto de ideas que privilexian a unhas das dúas grandes ideoloxías dominantes. O mundo stalinista era millor, ou pior, que o hitleriano? Se un é millor ca outro, os seus resultados milloran a traxectoria daquel, condenando a deste, ou viceversa. Daquela xa non estamos diante dun equidistante senón dun indiferente ó que tanto lle da unha cousa coma outra. Senón, de onde sae a donidade coa que se produce o cambio de credo coa velocidade coa que se produce?

Neste país noso, o que abrangue o total do residente na península ibérica case ó completo, agás que queiramos meter no mesmo saco ó conxunto dos cidadáns do país veciño, a equidistancia condenase por aquilo que sinala a máxima que recomenda “las cosas claras y el chocolate espeso”. Máxima que historicamente sempre puido ser exixida por quen, cando se refire a el, cando se lle din as cousas claras, a el que sempre lle “canta las verdades al barquero” a tododios non lle senta nada ben e se revolve de tal xeito que non é difícil adiviñar as consecuencias do seu rexeitamento.

Estamos vivindo tempos así. Confírmao o resultado de que a actividade política estea a consistir en que uns acusan de corruptos ós outros e os outros responden acusando de corruptos ós uns. Un deleite intelectual absolutamente noxento que encamiña á opinión pública a se expresar, botando man dun proceder infantil; por exemplo “pues mi papá es guardia” ou que “pues el mío es más alto”. Poderíase chamar a isto madurez política ou madurez democrática? É de sospeitar que non. Vai sendo hora de que as formacións políticas confronten proxectos.

Cando eu era neno, estando na barranca do Barbaña, ó pe da alameda onde comezaba a rúa do Doutor Fleming, nunha discusión deste teor un dos contendentes, non sabendo xa coma superar ó outro, dixo “pues mi papá es Franco” e o outro, non tendo a man nome que enfrontar ó pronunciado respondeulle “pues el mío se tira por este barranco y no se mata”. Hai que velar senón polas paternidades si polas filiacións e de paso polas heroicidades propias dos tebeos daqueles días: os de “Hazañas bélicas” por un lado e os de “Roberto Alcazar y Pedrín” pola outra. Neles sempre había “bos” e “malos”, os bos eran os nosos, os malos os dos outros. Aceptalo era indiferente segun vivises dun ou doutro lado. Sinalar os erros ou os acertos bélicos duns e doutros, iso, era equidistancia. Ou algo así. E así andamos.

Contenido patrocinado

stats