Que nos fixo humanos?

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 13 dic 2025 - 03:40

Ferramentas paleolíticas atopadas en Ourense.
Ferramentas paleolíticas atopadas en Ourense.

A definición de humanidade é esencial para a prehistoria. Quen foron humanos no proceso evolutivo e quen non? A delimitación teórica de nós mesmos sempre implica un tanteo excluínte, porque hai especies que comparten con nós algunha peculiaridade. A historia comeza cos humanos, polo que faise imprescindible acoutar esas características propias, especificidades que modelaron criaturas exclusivas entre a gran variedade que existiu no planeta. Cando impartía Prehistoria da Península Ibérica na Universidade de Vigo, translucía o interese que suscitaba este asunto, porque unha acaso afortunada confluencia de factores biolóxicos determinaron o noso destino para sempre.

Estes días lía sobre as escavacións no xacemento de Namorotukunan, en Kenia, co descubrimento de ferramentas líticas -”cantos tallados”- fabricados de forma ininterrompida entre 2,75 e 2,44 millóns de anos, segundo as precisas datacións proporcionadas polo Centro Nacional de Investigación Humana de Burgos

A aglutinación deses trazos biolóxicos que evolucionaron nalgúns seres, deron a forma actual ao “Homo sapiens” por medio de fases selectivas que duraron -que duran- miles, millóns de anos, de forma que fáisenos imposible imaxinar a humanidade sen ningún deles. Entre outros que producirán entre si un efecto multiplicador, destacamos o bipedismo, esa capacidade de camiñar erguidos. Para conseguir tal enxeño biolóxico foron imprescindibles modificacións morfolóxicas nos pés, pernas e cadeiras. E o resultado non só afectou á locomoción, á forma de desprazarse. Influíu na idealización e ordenamento que xurde desta nova relación co mundo, así como propiciar novas funcións para órganos do noso propio corpo. Camiñando sobre os pés, deixamos atrás o movemento cuadrúpede e liberamos as mans da locomoción. Contamos con dúas preciosas e novas ferramentas de precisión que nos permitirán fabricar cousas, outras ferramentas. Esta será unha característica esencial da definición de humanidade entre os prehistoriadores científicos pioneiros, tanto que deu nome a unha das primeiras especies consideradas indiscutiblemente humanas, o “Homo habilis”, bautizado polo profesor Leakey na década de 1970. Estes días lía sobre as escavacións no xacemento de Namorotukunan, en Kenia, co descubrimento de ferramentas líticas -”cantos tallados”- fabricados de forma ininterrompida entre 2,75 e 2,44 millóns de anos, segundo as precisas datacións proporcionadas polo Centro Nacional de Investigación Humana de Burgos, combinando técnicas tan avanzadas como as medicións dos cambios magnéticos, cinzas volcánicas, análises xeoquímicas e de restos de plantas, o que ademais permite coñecer a paisaxe natural do lago Turkana.

A utilización das mans como ferramentas de precisión -sobre todo co dedo polgar opoñible- para elaborar outras con que influímos no mundo que nos rodea, liberan a boca desa función, co que non é difícil dar o paso para especializala na produción de sons cada vez máis elaborados, e susceptibles, como terán adiviñado, de crear sistemas de comunicación complexos. E, en paralelo e xunto con todo o anterior -creación de ferramentas, desprazamento bípede, etc.- xorden novas estratexias de obtención de alimento, entre elas a caza, a achega de proteínas, que permiten unha actividade cinexética que probablemente nutriu un cerebro tamén basicamente proteico. Iso puido incidir de forma progresiva no incremento do índice de encefalización, un cerebro maior e complexo, a cuxo crecemento xa colaboraron as actividades preeiras dos primeiros humanos.

Andar de pé, fabricar ferramentas, ordenar o mundo, crear linguas e a actividade intelectual, semellan ser trazos propios da humanidade. Todas xuntas outorgan exclusividade.

Contenido patrocinado

stats