Dos focos á trincheira

OBITUARIO

Publicado: 30 dic 2025 - 02:51

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Brigitte Bardot non foi só un rostro inesquecible do cine europeo: foi un fenómeno cultural que desbordou a pantalla para instalarse no imaxinario colectivo do século XX. Icona de liberdade, sensualidade e rebeldía, a Bardot encarnou como poucas mulleres o espírito dunha época que empezaba a sacudirse vellos tabús. Pero, cando o mito parecía destinado a quedar atrapado no pasado, ela elixiu outro camiño: o do activismo radical en defensa dos animais.

Naceu en París en 1934, no seo dunha familia burguesa. Formouse inicialmente como bailarina clásica. O cine chegoulle case por accidente, pero o seu impacto foi inmediato. Nos anos 50 e 60, películas como “E Deus creou á muller” convertérona nun símbolo sexual, escachando moldes cunha sensualidade natural, afastada do artificio hollywoodense. Brigitte Bardot non actuaba a liberdade: vivíaa. A súa melena loira, a súa ollada indómita e a súa actitude desafiante redefiniron a imaxe da muller moderna.

O mito Bardot (ou B.B., como tamén se coñeceu sempre. Claudia Cardinale era C.C.) creceu alimentado polo éxito, os escándalos, os amores tormentosos e unha fama que semellaba non ter límites. Emporiso, detrás do brillo había unha muller profundamente incómoda co sistema que a enxalzou. Ós 39 anos, en pleno recoñecemento internacional, tomou unha decisión drástica: deixou o cine para sempre. O mundo quedou sorprendido; Bardot, non tanto. Ela xa atopara outra causa que lle daba sentido.

Non buscou simpatías nin consensos: denunciou, provocou e premeu a gobernos e institucións. Para moitos, a súa figura volveuse contraditoria; para outros, coherente ata o extremo.

Ese novo eixe vital foi a defensa dos animais. O que empezou como unha sensibilidade persoal transformouse en militancia aberta e, a miúdo, incómoda. En 1986 fundou a Fundación Brigitte Bardot, dedicada á protección animal e á loita contra o maltrato. Desde entón, a súa voz -ás veces polémica, sempre directa- alzouse contra a caza de focas, as corridas dos touros, a experimentación científica abusiva e a industria peleteira.

Brigitte Bardot trasladoulle ó activismo a mesma intensidade que puxera na súa vida artística. Non buscou simpatías nin consensos: denunciou, provocou e premeu a gobernos e institucións. Para moitos, a súa figura volveuse contraditoria; para outros, coherente ata o extremo. O certo é que logrou algo pouco común: converter a súa fama nunha ferramenta política, ó servizo dos que non ten voz.

O mito, lonxe de disiparse, transformouse. A actriz que fora obxecto de desexo pasou a ser unha figura incómoda, mesmo temida, pola súa brutal franqueza. Nun mundo que adoita domesticar ós seus ídolos, B.B. elixiu non agradar. O seu retiro en Saint-Tropez, arrodeada de animais rescatados, é case unha imaxe simbólica: a estrela que se aparta do ruído humano para escoitar outras formas de vida.

Durante a década dos 90 tamén xerou controversia ó criticar a inmigración, a islamización e o Islam en Francia, que incluso a multaron varias veces por “incitar ó odio racial”. Tamén se arrimou ó partido da ultradereita Fronte Nacional, quizais pola influencia do seu cuarto esposo, que fora ex asesor de Jean-Marie Le Pen.

Hoxe, a Brigitte Bardot lembrámola pola súa fermosura, a súa influencia na cultura pop e polo seu legado na defensa animal. A súa historia demostra que o mito non está condenado á nostalxia, senón que pode reinventarse. Bardot deixou o cine, pero non o escenario público. Cambiou os focos pola trincheira moral e, desde alí, foi fiel a si mesma: libre, radical e profundamente comprometida. Deixounos este domingo, 28. E non é ningunha inocentada. Que a terra lle sexa leve. E que a súa fermosura reine sempre na memoria dos que vemos cine. Reinará. Porque era guapa a rabiar.

Contenido patrocinado

stats