Francisco García, entre a firmeza e o pragmatismo

Publicado: 01 feb 2026 - 06:40
Lalo Pavón
Lalo Pavón | La Región

Allariz, o nacionalismo galego, e moitos outros sectores da política e distintos campos, choran a morte de Francisco García Suárez, concelleiro de Allariz durante 35 anos, dos cales 18 desempeñounos como alcalde. A nova, non por esperada resulta menos impactante, porque con el vaise un símbolo do nacionalismo cun acusado sentido da ética e do pragmatismo que lle deron unha altura de miras pouco común no exercicio das suas responsabilidades políticas e profesionais. Unha das probas de todo o anterior deixouna cando un día de 2018 decidiu dar un paso atrás sin que ninguén llo solicitase, senón pola convicción de que o seu ciclo como rexedor estaba cumprido; que non co seu ideal nin coa profesión. De feito voltou á secretaría do concello da Mezquita, onde puxo toda a sua experiencia e sabeduría no manexo do aparato burocrático daquel concello.

Con Anxo Quintana foi dos alumnos aventaxados formados no ronsel do liderado político de Alfredo Suárez Canal, tamén alaricano de pro, arredor do que xurdiu unha xeración que sería clave na historia das últimas décadas en Allariz, como modelo de xestión municipal en Galicia e enseña do BNG. Ese grupo de pioneiros (ademais da política tiñan vocación deportiva coa que fixeron práctica como entregados futbolistas no clube do pobo. A pertenencia ao equipo contribuíu á comuñón de xogadores e afición que aportou o seu grao de área na política) chegou á corporación municipal no 1983, eleccións nas que quedaron a 19 votos da maioría absoluta, fronte a Alianza Popular, que vivía unha etapa de gran convulsión e división interna ata o punto de que en catro anos tivo tres alcaldes.

O descontento e a falla de xestión foron o caldo de cultivo do labor de oposición dos nacionalistas, que en xullo de 1989 abandeiraron unha xeira de protestas que incluíu o peche no concello iniciado por unhos cuantos e derivou nunha revolta popular, co mal estado do Arnoia como coartada perfecta. Tres meses de conflicto continuo levaron á renuncia de Pérez Camba, para dar entrada a unha xestora provisional presidida por Quintana, con Paco García Suárez como primeiro tenente de alcalde.

Porén, o papel xogado por Paco viuse con claridade naquel conflito, que levou ao líder a dar cos ósos na prisión de Pereiro. (Se a memoria non me falla, Quin saíu dalí transcorrida unha semana, despois de que Beiras aportara a fianza imposta polo xuíz). Nesa breve ausencia mantivéronse as mobilizacións, con García Suárez como novo guía. A súa forza e capacidade para manexar as masas dende enriba dun coche megáfono en man deron conta de que alí había máis madeira que a que se albiscara ata entón. Efectivamente, metidos na acción de goberno, a capacidade política de Paco García e o seu profundo coñecemento da administración local, confirmaron que aquel movemento ía ir moito máis alá dunha revolta de verán. Alí naceu o novo Allariz, que pronto sería exemplo a seguir, con fitos aínda hoxe vixentes no municipalismo galego a base de conxugar a firmeza dos principios co pragmatismo da gobernanza.

Van atrás cuarenta anos dende que nos coñecemos. O que facía na política é coñecido de todos, conducíndose con comedimento nos éxitos e destacando sempre o papel do seu equipo. En privado, a súa persoalidade era tamén destacada: delicado e afectuoso no trato, podía ser socarrón e destapar un sentido do humor que na vida oficial non se permitía. Por último, amosou unha fortaleza pouco común na adversidade. Unha delas foi a morte repentina en 2011 da sua compañeira de vida María Xosé Camba, profesora do Instituto Otero Pedrayo; outra, a súa propia enfermidade. Dous duros golpes aos que soubo sobrepoñerse con enteireza, sen negar a realidade, pero sen aceptar a derrota. De feito, no solpor vital, cando xa o mal o acosaba con dureza, mantívose enteiro, teimando en ir ao seu posto de traballo ata que lle durou o alento para moverse; o mesmo que nas visitas á área de oncoloxía no hospital, onde enchía de dignidade o seu espazo vital. Cantos o coñecemos, certificamos para a eternidade que se vai un gran tipo.

Contenido patrocinado

stats