A fusión de concellos

O AFIADOR

Publicado: 19 jul 2026 - 00:15
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A disposición anunciada polos alcaldes de Carballeda de Avia e Ribadavia para sondear a posibilidade dunha fusión dos respectivos concellos que dirixen, abre unha dinámica novedosa na provincia de Ourense nos tempos modernos e, posiblemente, tamén nos antigos, xa que a maioría das que se coñecen foron máis unha anexión por parte da entidade maior, que os pequenos deberon asumir. Dado que están en fase preliminar, a idea de Luis Milia e César Fernández, rexedores dos respectivos concellos, ten por diante un longo recorrido que pode ameazar con descarrilar a proposta.

A fusión tería un efecto beneficioso indubidable a curto prazo, pois permitiría dispor de mais recursos para os seis mil habitantes de ámbolos dous territorios. Ademáis da vantaxe que reporta o número de censados, habería que engadir o acceso a xenerosas axudas por parte das administracións públicas para armonizar o funcionamento e redimensionar a nova estrutura municipal, así como a organización dos servizos no novo territorio. Tamén a longo e medio prazo poderían abordar políticas dirixidas a estimular e fornecer a actividade industrial e comercial nun entorno que conta con potencial para elo.

Porén, a experiencia non avala a idea, pois en 14 anos so Oza-Cesuras pasou ese rubicón. Nin as promesas de axudas, nin a teimudez das cifras fixeron mudar as posicións do municipalismo galego, pois en 13 anos non volveu a producirse outra alianza deste calibre. E por que? Porque o sentido de pertenza a un territorio fai rexeitar calquera idea que poida socavar perda de identidade do universo máis pegado a historia persoal, igual que a xente se nega a que o santo da capela vaia para a igrexa parroquial. (En Extremadura, a unión de Villanueva de la Serena e Don Benito, que beneficiaría a máis de 63.000 mil almas, embarrancou -de momento- so pola desavinza arredor do nome do novo concello).

Outra resistencia sae dos políticos -ou aspirantes a selo- que queren manter o espazo que lles facilita achegarse a unha cota de poder e incluso servir de chanzo para unha aspiración maior.

E aínda hai outro sector máis, que sen figurar entre os anteriores, apela aos escasísimos resultados acadados por unha das ideas motoras: Oza-Cesuras ten hoxe menos habitantes que no momento da fusión, nunha dinámica idéntica á da maioría dos concellos galegos que non se fusionaron.

Para que a unión territorial e administrativa -moi necesaria- sexa útil fan falla máis cousas: boas comunicacións reais e virtuais, actividade económica e, sobre todo, xente nova que deteña a sangría demográfica imparable que nos leva ao gran páramo. Mentras non entremos nesa senda, o resto será administrar o camiño á nada.

Contenido patrocinado

stats